InicioEconomíaA Xunta rexeita dar axuda a fondo perdido a Ritz Carlton

A Xunta rexeita dar axuda a fondo perdido a Ritz Carlton

O goberno galego concedeu 11 préstamos a empresas auxiliares do naval, por valor de máis de 6 millóns de euros.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Xunta de Galicia confirmou este mércores a súa disposición a participar nunha solución para o estaleiro vigués Barreras (en fase preconcursal, coa disolución xudicial da sociedade solicitada e coa actividade parada) e ofreceu colaborar no financiamento para rematar o cruceiro de Ritz Carlton, aínda que matizou que, “en ningún caso” se faría a través de axudas a fondo perdido.

Así o sinalou, en declaracións aos medios, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, que este mércores participou nun acto en Vigo.

Conde lembrou que o goberno galego está “a traballar” tanto co estaleiro (que agora controla Ritz Carlton), como con Pymar, co Ministerio de Industria e con CESCE, e “identificouse a posibilidade de que a Xunta poida colaborar no financiamento” do cruceiro ‘Evrima’. No entanto, puntualizou, esa colaboración sería “sempre a través do financiamento e en ningún caso” mediante axudas a fondo perdido.

Segundo precisou o conselleiro, Ritz Carlton trasladou inicialmente unha necesidade de financiamento duns 5 millóns de euros, aínda que queda por coñecer “toda a información” e “a estrutura financeira que poida soportar o reinicio da actividade” no estaleiro vigués.

Con todo, Francisco Conde advertiu de que a participación da Xunta na solución para Barreras está condicionada a que haxa “un proxecto que permita a viabilidade” do estaleiro, que dea garantías aos seus traballadores e tamén á industria auxiliar. “Estamos preocupados non só por finalizar o cruceiro (para Ritz Carlton), senón tamén ocupados para dar solución a toda a industria auxiliar, aos traballadores de Barreras…”, insistiu.

A ese respecto, o conselleiro admitiu que os pasos dados polo estaleiro están enfocados neste momento a asegurar a estrutura financeira que permita finalizar o cruceiro, pero “hai que dar unha solución integral”. “Que non se fale só de dar resposta a un cliente, iso non sería responsable (…), os accionistas teñen unha responsabilidade”, engadiu o conselleiro, que pediu “falar tamén de que vai pasar” cos encargos das armadoras Havila e Grupo Armas.

PRÉSTAMOS A AUXILIARES

Por outra banda, Francisco Conde lembrou que a Xunta puxo en marcha unha liña de crédito para empresas auxiliares do naval, ideada para dar resposta ás industrias que, coa crise de Barreras, ven perigar a súa continuidade.

Segundo explicou, a Xunta trasladou ao goberno de España esta actuación, e confirmou que a administración autonómica xa concedeu 11 préstamos a outras tantas empresas auxiliares do naval, por valor de máis de 6 millóns de euros, e segue avaliando solicitudes pendentes.

ÚLTIMAS

Concentración en homenaxe a Maricarmen e contra a “especulación” que “forzou a súa morte” en Vigo

A Alianza pola Vivenda de Vigo, plataforma integrada por varios colectivos sociais, convocou para...

A Xunta outorga ao Concello de Vigo unha concesión de ocupación para a recuperación ambiental da praia de Ou Vao

A Xunta outorgou ao Concello de Vigo unha concesión para ocupar 20.978,11 metros cadrados...

Piden case 7 anos de cárcere para unha muller acusada de encerrar e maltratar o fillo adolescente da súa parella en Vigo

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra acollerá o mércores unha vista preliminar...

O BNG de Vigo propón subir ata un 150 % o IBI para grandes propietarios con vivendas baleiras

O BNG de Vigo propoñerá duplicar o recargo do imposto sobre bens inmobles (IBI)...