O acusado como presunto autor do asasinato da moza enxeñeira Ana Enjamio negou matala e afirmou que mantiña con ela unha “relación clandestina”, posto que a moza era, ao mesmo tempo, parella doutro mozo.
Así o explicou César A.O., para quen a Fiscalía pide 27 anos de prisión, e que está a ser xulgado por un tribunal de xurado na Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo.
O procesado aceptou responder as preguntas de todas a partes e, a preguntas da fiscal, negou que matase a Ana, a quen definiu como unha “cabeciña tola”, que “non tiña reparos en mentir” e capaz de “disimular” ata o punto de ocultar a súa relación con el porque estaba preocupada “pola súa reputación”.
O acusado admitiu que enviou mensaxes ao noivo de Ana para “polos a mal” pero asegurou que ela lle “perdoou” e que, de feito, a noite do crime, pensaran “facer unha escapada” para estar xuntos despois da cea de empresa, tras estar bailando durante esa celebración e ter “un escarceo” no baño.
DETENCIÓN E INTENTO DE SUICIDIO
O acusado afirmou que, tras esa cea, e dado que Ana temía que o seu noivo os sorprendese, optou por volver a casa. Segundo afirmou, non só non se dirixiu ao domicilio da moza para esperala, senón que “nunca” estivo nese piso porque as compañeiras de Ana “non lle deixaban levar mozos”.
Segundo a súa versión, decatouse do asasinato de Ana ao día seguinte, por boca dos seus compañeiros de traballo, cando acudiu a declarar a Comisaría. “Quedei en shock, nunha nube”, afirmou e recoñeceu que, tras coñecer a noticia, tentou suicidarse cortándose as veas.
O procesado deixou unha carta de despedida na que, entre outras consideracións, apuntaba: “Ana, perdóame, queríache tanto, non o puiden soportar“. Tal e como explicou ante o tribunal, con esa frase referíase a que non puidera soportar a morte da moza e pedíalle perdón por quitarse a vida.
Con respecto ás circunstancias da detención, César A.O. explicou que non entregou á Policía a roupa que levaba posta a noite da cea porque lle roubaron “o abrigo e temía que non lle cresen e o inculparan”. De feito, esa roupa, así como a arma do crime e o teléfono de Ana Enjamio nunca apareceron, aínda que si se recolleron mostras de sangue da moza no coche do acusado.
Segundo os informes forenses, a vítima sufriu unha trintena de coiteladas, das que 12 alcanzáronlle o corazón, e presentaba tamén feridas defensivas nas mans e marcas na boca, coma se lla taparan con moita forza.
ALEGACIÓNS INICIAIS
Antes de comezar a declaración do acusado, as partes presentaron as súas respectivas alegacións ante o tribunal de xurado. Así, tanto a Fiscalía como a acusación popular (exercida pola Xunta) insistiron moito en que, o que se xulga neste caso, “non é o comportamento da vítima, nin se tiña relacións cun, con outro ou con varios”.
“Non se está xulgado a moralidade dunha persoa morta, nin as súas relacións nin a súa personalidade”, incidiu a letrada da Xunta, quen lembrou que Ana Enjamio foi atacada “nun momento de vulnerabilidade” e cando estaba “totalmente indefensa”.
Mentres, o avogado da familia da vítima fixo fincapé en que César A.O. converteu a vida de Ana “nun auténtico inferno”, cheo de “pequenos actos de vinganza” porque non asumía a ruptura da relación, e mantiña un “comportamento obsesivo”. “A Ana non a asasinou un maleante ao azar para roubarlle. Quen a asasinou tiña intención de matar, de causar unha morte brutal”, recalcou.
Por contra, o seu letrado defensor proclamou que “César é inocente e non cometeu este horrible crime contra a persoa que máis quixo na súa vida”, unha moza que, segundo aseverou, “daba mostras de que o elixiu a el”, en lugar de o seu noivo. “Non hai ningún elemento obxectivo que o incrimine”, subliñou este avogado, quen lamentou que “os medios de comunicación xa o condenaron” .
Así, mentres que as acusacións solicitan penas de prisión que van desde os 27 aos 39 anos (polos delitos de asasinato, acoso e vulneración da intimidade), o avogado defensor reclamou a libre absolución do seu patrocinado.