InicioSucesosDescargan as tres toneladas de cocaína do 'narcosubmarino'

Descargan as tres toneladas de cocaína do ‘narcosubmarino’

O baleirado do somerxible realizouse despois de horas de manobras, con dous grandes guindastres, para facelo emerxer desde o mar no peirao de Aldán.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Efectivos da Garda Civil, Policía Nacional e Vixilancia Aduaneira realizaron, na madrugada deste mércores, a descarga do ‘narcosubmarino’ localizado o pasado fin de semana na entrada da ría de Aldán, en Cangas, e que transportaba, segundo as primeiras estimacións, polo menos uns 3.000 quilos de cocaína no seu interior.

O baleirado do somerxible realizouse despois de horas de manobras, con dous grandes guindastres, para facelo emerxer desde o mar no peirao de Aldán e, mediante a perforación de ocos e a utilización dunha bomba de achique, poder extraer a gran cantidade de auga que tiña dentro.

Cando os operarios e axentes estiveron seguros de que non se partiría en dous ao levantalo, os guindastres elevaron o batiscafo e depositárono no peirao. Unha vez en terra, efectivos de Protección Civil volveron usar as súas serras radiais para perforar novamente o casco da nave e permitir que seguise desaguando.

Tras esas operacións, os efectivos policiais iniciaron a descarga das decenas de fardos que transportaba no seu interior, e que xa foron trasladados á Comandancia da Garda Civil de Pontevedra. Mentres, está previsto que, nas próximas horas, o somerxible sexa depositado na Escola Naval de Marín.

O ‘narcosubmarino’ mide algo máis de 20 metros de eslora e está fabricado en fibra de vidro, segundo explicaron fontes coñecedoras da investigación, que indicaron que levaba 20 días de travesía cando os seus tres tripulantes se viron descubertos polas forzas policiais e o afundiron á entrada da ría de Aldán, na zona de Punta Couso.

Dous dos ocupantes da nave, de nacionalidade ecuatoriana, foron detidos na zona e este martes foron postos a disposición do xulgado de instrución número 1 de Cangas. A xuíza decretou o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza, por un suposto delito de tráfico de drogas en cantidade de notoria importancia.

Os investigadores seguen buscando ao terceiro tripulante do ‘narcosubmarino’ e, dado que a operación segue aberta e hai que analizar os indicios que achegue a droga (a cantidade, a súa posible procedencia e destino, o ‘selo’ dos fardos, etc.), as características do somerxible e outras probas, non se descartan novos arrestos ou dilixencias en terra.

ÚLTIMAS

A Xunta destaca ao Real Club Náutico de Vigo como “referente deportivo e social” no seu 120 aniversario

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou este xoves no acto...

O Porto de Vigo prevé superar os 310.000 cruceiristas en 2027 tras consolidar as súas escalas en Miami

O Porto de Vigo pechou o exercicio de 2025 con 125 escalas de cruceiros...

O BNG esixe o fin da licitación do bus en Vigo para evitar pagar “un 90 % máis polo mesmo”

O grupo municipal do BNG volveu a reclamar este xoves que se desista do...

Escotet alerta sobre o impacto da guerra de Oriente Medio na economía galega

O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, reiterou o compromiso da entidade co tecido...