InicioSociedadeA Xunta perde o xuízo tras quitar a categoría de "numerosa especial"...

A Xunta perde o xuízo tras quitar a categoría de “numerosa especial” a unha familia ao marchar un fillo

A Xunta cambiara a súa categoría a 'numerosa xeral' porque unha filla deixara de estar no núcleo familiar.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O xulgado do contencioso-administrativo número 1 de Vigo anulou unha resolución da Consellería de Política Social que denegaba a unha familia a condición de ‘numerosa especial’ porque unha das súas fillas deixara de formar parte do núcleo familiar.

Segundo se recolle na sentenza, a familia –formada por un matrimonio e dúas fillas afectadas por discapacidade– adquiriu a condición de ‘numerosa especial’ no ano 2014, e o carné renovouse ano a ano sen problemas ata o 2018.

Así, o ano pasado, ao tramitar a renovación do seu carné de familia numerosa especial, atopáronse con que a súa categoría cambiara, posto que se produciu a “relevante novidade” de que a filla menor deixara de formar parte da unidade familiar.

Por iso, a Xunta considerou que non cumpría os requisitos normativos para ter esa condición e, en cambio, outorgoulle o carné de familia numerosa xeral –non especial–.

Segundo a sentenza do xulgado vigués, cando unha familia adquire a condición de ‘numerosa especial’, como neste caso, adquire “o que poderiamos denominar situación xurídica común consolidada”, unha situación que “perdurará aínda que o número de fillos que cumprían as condicións que permitiron no seu día lograr esa cota diminúa”.

O xuíz entende que ese grao de recoñecemento “manterase mentres polo menos un deles siga reunindo os requirimentos que a lei contempla” porque, doutro xeito, provocaríase “unha discriminación por razón de idade intolerable nun Estado de Dereito”.

Así, destaca que, mentres os fillos maiores beneficiáronse ao longo dos anos desa condición de familia numerosa especial, os fillos máis pequenos, ao abandonar o núcleo familiar, “veríanse privados –sen razón xurídica cabal– de gozar dos (exiguos) privilexios que ese título confire”, especialmente se, como neste caso, “quen permanece no fogar é unha persoa con discapacidade”.

Por todo iso, o xulgado vigués estimou o recurso interposto pola familia e anulou a resolución da administración autonómica, establecendo que a familia ten dereito a renovar o título de numerosa especial, con efectos desde a solicitude de abril de 2018.

ÚLTIMAS

Rescate de emerxencia en Vigo: Os Bombeiros liberan a un ocupante atrapado tras unha colisión no CUVI

Os Bombeiros de Vigo liberaron a un ocupante que quedara atrapado no interior dun...

Enfrontamento no porto de Vigo: denuncian unha “carga brutal” da Policía Portuaria contra tres sindicalistas

Sindicalistas da Confederación Xeral do Traballo (CGT) denunciaron a "desproporcionada" actuación da Policía Portuaria...

Guerra da auga entre Xunta e Vigo por Eiras: Neglixencia e 2 millóns de euros por un ‘bypass’ urxente

A situación das válvulas danadas na presa de Eiras xerou unha forte confrontación entre...

Caballero estala contra o acordo de Medicina: “É un mal pacto para Vigo e a Xunta forzou aos reitores”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, considera unha "mala noticia" o acordo alcanzado entre...