Modulador de Ondas é o nome do proxecto en solitario do compositor, thereminista e guitarrista Paulo Pascual co que acaba de publicar o seu primeiro LP, dispoñible en vinilo e CD.
O debut deste proxecto, ‘Planeta Theremin’, ademais de ser o primeiro LP editado por un thereminista en Galicia, é un traballo precursor xa que por primeira vez en España un theremin funciona como instrumento solista convivindo con naturalidade con guitarras acústicas e eléctricas, baterías, pianos ou violoncello, como se dunha voz, un violín ou outro instrumento se tratase, coas mesmas esixencias tonais a pesar da dificultade que isto comporta.
A presentación oficial será o vindeiro sábado 16 de febreiro en La Iguana Club (Vigo) ás 12.30 da mañá. Pero antes deste acontecemento, falamos co músico sobre as súas impresións e para que nos introduza de cheo no descoñecido mundo deste instrumento.
P- Para o primeiro videoclip escolleches a praia de Alcabre. Coido que esta praia ben pode ser símbolo do intanxible ou o etéreo (a area, o vento, a herba) dentro do mundo tanxible. Houbo unha intención metafórica deste tipo ao escoller a localización do primeiro videoclip, tendo en conta as características do instrumento, que “se toca sen tocarse”?
R- Sinceiramente quedo encantado coa túa visión metafórica, pero respondeu máis a que nese sitio pasamos moitos dias de verán Clay e eu vendo desde arriba como a miña parella María se bañaba embarazada ( os cans non poden estar nunha praia nin con correa).
Esta pequena entrada de terra con herba onde gravamos que se adentra no mar é fermosísima e ten unhas vistas a Toralla e a ría flipantes. Si que pensei no mar como un elemento que ten moito que ver coas ondas, co theremin.
R- Claro, son dúas antenas que xeran dous campos electromagneticos. Cando o noso corpo interfire nunha xera unha alteracion de volumen, e cando interfire noutra, de ton. Así, as necesidades basicas dun instrumento monofónico quedan cubertas.
P- Tocaches no pasado outros instrumentos, como a guitarra, que personalmente considero un dos máis versátiles, fermosos, poderosos e de maior poder simbólico, e creo que (máis ou menos) podemos consideralo unha opinión xeral.
Polo tanto, que che levou a abandonar este camiño para aventurarte no theremin? Non sei se xa tiñas referencias do instrumento, se foi un salto sen rede… paréceme moi interesante, coñecer tanto o momento no que tes o primeiro contacto co thelemin como cando como artista decides dar este gran paso, e por que.
R- Sigo tocando a guitarra, de feito practico todo o que podo, pero é ben certo que o theremin abriume outro camiño e metinme de cabeza. Que pode levar a un musico que leva tocando en grupos desde que ten 14 anos á guitarra a pasarse a un instrumento radicalmente distinto aos demais?
Pois penso que fundamentalmente curiosidade, inconformismo e se cadra entrar nun proceso de desaprender o que supostamente hai que aprender. Ningún instrumento sitúa a un músico con tanta humildade diante del para dicirlle: “Mira, aquí hai duas antenas, buscate a vida movendo o teu corpo, brazos e mans para facer melodías. Aqui non hai afinador electronico nin teclas ou pezas que pulsar para que soen determidadas notas.
A tua respiración pode facerche desafinar, en cada espazo hai que calibralo dun xeito diferente, dependendo se tes máis liquidos ou menos no teu corpo funciona distinto…
P- Un pouco en sintonía coa anterior cuestión, querería preguntar se consideras que o dominio do thelemin é fácil ou difícil (en relación ao doutros instrumentos, vaia, se consideras que é dos máis facilmente aprendibles ou todo o contrario). E, ademais, cales son as virtudes e potencialidades do instrumento? Polo momento aínda minoritario, ¿crees que podería extenderse?
R- Está considerado como un dos instrumentos coa técnica mais dificil de dominar. A principal virtude para min é que te permite acariciar a musica no aire coas túas mans. Fabricas as notas cos teus movenentos. Non hai moitos intérpretes, pola súa historia e pola súa dificutade, pero cada vez xorden máis e na música non hai fronteiras para os instrumentos, todo depende do que leve a embarcacion.
P- Ves posible que o theremin poida participar de tódolos estilos musicais? Non só como pequeno detalle senón cunha importancia media-alta no conxunto das pezas. Ou está limitado a estilos e intencións concretas?
R- Por suposto, estamos a falar dun instrumento electrónico nado na revolución soviética que o mesmo Lenin probou e decidiu apoiar a sua difusion por todo o mundo xenerosamente. Falamos deste instrumento do 1920 no 2019 sorprendidos cando vemos un intérprete facendo unha melodía.
Incialmente foi usado para musica clásica, despois para contemporánea, experimental, lounge, jazz, pop, rock, psicodelia… É válido para todo, o rollo está en como se faga uso del, como calquer outro instrumento.
P- Similar á anterior, quería preguntarte sobre a gama expresiva que concede o instrumento. Podes transmitir con el tristura, misterio, paixón, furia, alegría, sensualidade, modernidade?
R- A miña resposta a isto é que por suposto.
P- Interpretalo en vivo cunha instrumentación de acompañamento distinta ao do disco, algo do que non coñezo precedente. Débese a limitacións impostas ou a un desexo creativo? Cambiarán matices da música, e se é así, é a túa intención introducir variacións á versión do disco?
R- Responde a un novo reto. Non facer os temas do disco coa instrumentacion do disco. Facer algo distinto. Levaba xa un ano dando concertos en formato unipersonal, co theremin e coa miña guitarra, e poderia facelo, de feito asi o tiña previsto ata que tiven a idea de facer algo especial dun xeito máis peculiar todavía.
Non só un theremin, dous, e non unha seccion ritmica: un violonchelo. Con Macarena Montesinos ao Chelo e Uxo Pousa ao theremin o son é inclasificable e gustosísimo. Ten moito de cinenatografico quizais.
P- Por último, gustaríame coñecer un pouco do teu labor como mestre en Planeta Thelemin. Canto tempo levas dando clases, a cantos alumnos formas, como é a súa progresión…
R- Planeta Theremin é o meu taller, pero tamén imparto obradoiros e dou clases en diferentes espazos desde hai uns anos. Vexo como van crecendo, facendo música coas antenas a vez que o fago eu. Estamos na mesma viaxe. Xa hai persoas en Galicia que saben tocar sinxelas melodías con este intanxible instrumento grazas a isto e sintome moi moi motivado e orgulloso con isto.