InicioSociedade"O meu robot é mellor que o teu'': 1000 estudantes participan na...

“O meu robot é mellor que o teu”: 1000 estudantes participan na Competición de Robots da UVigo

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Competición de Robots da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo volve superar, cara á celebración da súa quinta edición, as expectativas da organización. A proba, que terá lugar o vindeiro 26 de abril, cubriu antes do peche do prazo establecido as 171 prazas ofertadas, que resultaron insuficientes para dar acubillo a outros 30 equipos que quedaron en lista de espera.

En total serán preto de 1000 estudantes de 171 equipos, chegados de centros escolares de toda Galicia, as e os que tomarán parte cos seus robots na competición, que se desenvolverá na entrada da escola, no campus de Vigo.

“A valoración non pode ser máis positiva e non por o feito de pechar as prazas antes do remate do período de inscrición, que tamén é un reflexo do interese que esperta o concurso, senón por ter novamente a posibilidade de compartir unha xornada chea de ilusións, retos, experiencias,… na que os rapaces e as rapazas son os verdadeiros protagonistas”, asegura Juan Pardo, director da Escola de Enxeñería Industrial, que lembra que para o centro tamén é un reto ser quen de dar resposta ás expectativas das e dos participantes.

A competición, organizada pola Escola en colaboración coa rama de estudantes do Institute of Electrical and Electronics Engineers e a sección de estudantes da International Society of Automation da Universidade de Vigo pretende achegar a universidade ao alumnado de ensino secundario obrigatorio e bacharelato, así como fomentar o interese do estudantado polas disciplinas Steam e máis especificamente polos estudos de enxeñaría, ao tempo que se amosan as titulacións que se imparten la Escola.

Na categoría Wall-E cubríronse as 156 prazas ofertadas cun total de 98 equipos de estudantes de 1º,2º,3º e 4º da ESO e outros 58 equipos de estudantes de 1º e 2º Bacharelato.

Ademais, outros 30 equipos quedaron en lista de espera. Pola súa banda, na categoría R2D2, dirixida a estudantes de titulacións superiores e outras persoas interesadas, tamén se cubriron as 15 prazas ofertadas.

En canto á procedencia das e dos participantes, mantívose a tendencia de edicións anteriores, repetíndose a presenza maioritaria de centros da provincia de Pontevedra (64%), seguida de A Coruña (33%), quedando o resto repartido entre as provincias de Lugo e Ourense.

O director da Escola de Enxeñería Industrial destaca “a fidelidade que amosan a gran maioría dos centros, que repiten a súa participación despois de catro edicións anteriores. Certamente gustaríanos poder atender todas as solicitudes que recibimos, pero temos que ser conscientes de que hai unha serie de limitación nos espazos e nos medios que nos impiden acoller a máis equipos. Aínda así, procuramos concienciar aos centros para que sexan comprensivos e solidarios e poidan participar o maior número deles”, explica Juan Pardo.

Cara a vindeiras edicións e ante a elevada demanda de participación que está a experimentar a competición, o director da Escola apunta que teñen que valorar a posibilidade de facer o concurso en varias xornadas, para dar cabida a un maior número de participantes.

“Iso hai que estudalo moi ben porque é moito traballo e tamén pode ser un inconveniente para os centros dispoñer de máis tempo. Temos que pensar que hai equipos que se desprazan desde moi lonxe e suponlles un esforzo considerable. A verdade é que nunca imaxinamos que o concurso puidera espertar tanto interese e iso obríganos a superarnos cada ano máis e a buscar novas fórmulas para o futuro”, avanza Juan Pardo.

ÚLTIMAS

O afundimento dun pesqueiro portugués en Bouzas obriga a despregar barreiras anticontaminación

O afundimento dun pesqueiro portugués abandonado, que se atopaba atracado na dársena de Bouzas,...

Vigo convértese no epicentro da oncoloxía de precisión coa reunión de 150 expertos nacionais

A sede de Afundación en Vigo acolle este xoves e este venres o VIII...

A comunidade educativa mobilízase en seis concellos da área de Vigo contra os recortes no ensino

Federacións de Anpas, Asembleas Abertas do Ensino Público e outros colectivos da comunidade educativa...

Caballero levará ao Goberno as “trampas” da RFEF e acusa á Xunta e ao PP de frear a candidatura de Vigo ao Mundial 2030

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou que manterá o próximo 2 de marzo...