O secretario xeral da UGT, Pepe Álvarez, participará este luns en Vigo nunha concentración de condena polo ataque sufrido na sede viguesa do sindicato, situada na rúa García Barbón, no marco da folga xeral do pasado mércores, 11 de novembro.
Segundo informou a organización sindical nun comunicado, a protesta levarase a cabo a partir das 17.30 horas ás portas das instalacións sindicais, como mostra de rexeitamento despois de que dous individuos lanzasen un artefacto explosivo contra o inmoble. Para a UGT, trátase dun ataque claro á liberdade sindical e foi un “mal peche” para unha xornada de folga que contou cun amplo seguimento e transcorreu con normalidade en toda Galicia.
