José Couñago encabezará a candidatura do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Mos nas próximas eleccións municipais de 2027, co obxectivo de lograr que a localidade creza “con máis vivenda, máis servizos e mellor transporte”. Nun comunicado, os socialistas informaron de que “sairán a por todas” nos comicios de maio grazas a José Couñago, un veciño de Mos “con ampla traxectoria profesional no sector da distribución alimentaria e cun currículo académico moi sólido”.
O PSOE explicou que celebrará un acto público nos próximos meses, pero a asemblea local xa tomou a decisión unánime sobre a cabeza de lista. Precisamente, segundo o secretario xeral provincial, David Regades, Mos terá a oportunidade de elixir “un alcalde top, porque José é ante todo veciño de Mos, pero tamén un home moi próximo, de diálogo fácil, unha persoa cunha sólida formación académica e unha gran capacidade de liderado e de xestión, demostrada a diario desde as súas funcións na empresa privada”.
