alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu alertar este luns do baixo nivel de ocupación da presa de Eiras, que está ao 33,6% da súa capacidade, e está baixando “a razón de 0,6 puntos por día”, polo que só se pode garantir auga de calidade óptima para o consumo durante uns 24 ou 25 días, ata o próximo 26 de novembro. “A partir de aí, temos aproximadamente dous meses máis de auga, pero xa pode haber incidencias na calidade”, sinalou.
En declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívico apuntou que Vigo e os concellos da área que se abastecen de Eiras “só” teñen 28 días máis de auga de óptima calidade. “E vímolo advertindo, vímolo dicindo desde xullo, en xullo, en agosto, en setembro e en outubro, e a Xunta de Galicia sen facer ningún caso”, criticou.
Caballero repetiu que, coa nova potabilizadora, poden garantirse máis días de auga de boa calidade pero, sen esa infraestrutura municipal, “neste momento, en Vigo, habería auga sen garantías de calidade”. “É o Concello o que o está resolvendo, e que fai a Xunta? Pois nada, agardar a que chova”, denunciou. O alcalde volveu pedirlle ao Goberno galego que reduza o caudal ecolóxico da presa, e insistiu na necesidade de construír un segundo encoro no río Oitavén. “Dixémolo hai 15 anos, e hoxe xa estaría feito”, remarcou, e engadiu: “Non sei se está pasando que algunhas empresas que poderían vir a Vigo, empresas moi importantes, non veñen porque a Xunta lles dixo, non sabemos, que non había auga. Non sabemos se llo dixo”.
