O alcalde de Vigo, Abel Caballero, participou este xoves na VI Convención de Turespaña, que se celebra en Zaragoza, onde gabou “o mellor Nadal do mundo” e sen facer publicidade pagada. “A publicidade son eu”, proclamou o rexedor.
Na súa intervención nunha das mesas redondas da convención, o alcalde salientou que Vigo “inventou” o Nadal do século XXI, coa “nora máis grande do mundo”. Así, a cidade industrial, que “non tiña turismo”, pasou a ser un destino con “6 millóns de visitantes” durante a campaña de Nadal.
Caballero puxo en valor o éxito do Nadal vigués, que “compite na liga” de grandes cidades como Nova York, Londres ou París, e todo iso “sen facer publicidade pagada”. “A publicidade son eu”, proclamou, e bromou co feito de que se convertera en “home anuncio” (lembrando a súa aparición como debuxo animado nun anuncio de turrón). “Porque cando a xente ve o meu debuxo, ve Vigo. E pídeme que faga vídeos e que faga cousas para facer anuncios, eu préstome totalmente. Porque cada vez que alguén saca un anuncio con Abel Caballero, Abel Caballero é Vigo. E iso fai que a xente veña a Vigo”, sinalou. Caballero proclamou que é “o mellor alcalde do mundo”, seguido de Mamdani (Nova York), porque foi ministro de Turismo, unha responsabilidade que “dá para todo”.
Ademais, o alcalde incidiu en que o Nadal actuou como factor de atracción de visitantes á cidade ao longo de todo o ano, con niveis de ocupación hoteleira importantes mesmo na chamada tempada baixa. Ao respecto, remarcou que a cidade ofrece outros atractivos, como os concertos de verán e o festival O Marisquiño, a gastronomía, as praias, a paisaxe, e mesmo as “montañas planas“. “E como as aplanei? Temos ramplas mecánicas, ascensores e escaleiras mecánicas. Somos a cidade do mundo que máis ten”, apostilou.
Caballero apostou por fomentar o turismo, porque “é unha industria moi estable” e non “hai crise”. Segundo sinalou, iso de que a xente deixa de viaxar cando ten menos renda “non é certo”, polo que insistiu: “Fagamos moito turismo”.
Finalmente, convidou a estar “atentos” ás novidades da campaña de Nadal deste ano, “porque vai pasar o que nunca pasou na historia de ningunha cidade”. “O desta vez supera todo o que fixemos ata agora. Preparádevos”, advertiu.
