A xunta de goberno local de Vigo aprobou este martes “o orzamento máis elevado da historia da cidade”, con algo máis de 365 millóns de euros, o que supón un incremento de 14,1 millóns respecto do ano pasado, un 4 % máis. Así o anunciou o alcalde, Abel Caballero, nun audio enviado aos medios de comunicación.
O rexedor reivindicou que a cidade seguirá con “débeda cero” e, segundo afirmou, coa presión fiscal “máis baixa de Galicia” e entre as máis baixas de España nas cidades cunha poboación semellante. Caballero asegurou que as contas municipais para o próximo ano suporán, segundo os seus cálculos, un aforro duns 14,5 millóns de euros para os vigueses e as viguesas. Desta contía, 4,5 millóns corresponderían á conxelación de taxas e impostos e arredor de 10 millóns á ampliación das exencións.
CORENTA MILLÓNS PARA INVESTIMENTOS
Entre as grandes partidas, o Concello destinará uns 40 millóns de euros a investimentos. Mobilidade e Seguridade Cidadá, que engloba Policía, Bombeiros, Seguridade e Tráfico, contará con máis de 50,5 millóns, un 7 % máis, mentres que Vivenda, Urbanismo e Fomento disporá de 41,2 millóns, cun incremento do 11,7 %. Pola súa banda, Benestar Comunitario, que inclúe a recollida de residuos e a iluminación pública, superará os 65,1 millóns, un 2 % máis. Servizos Sociais e Promoción Social contará con case 30 millóns, cunha suba do 6 %.
CULTURA MEDRA UN 17,6 % E COMERCIO E TURISMO, UN 31,3 %
Tamén aumentan as partidas de Medio Ambiente, que chegará aos 20,9 millóns de euros, un 8,45 % máis, e Educación, que contará con 19,5 millóns, cun incremento do 6 %. Cultura disporá de 23,3 millóns de euros, un 17,6 % máis, mentres que Comercio e Turismo alcanzará os 9,2 millóns, cunha suba do 31,3 %.
