A Xunta de Goberno Local de Vigo deu este venres luz verde á licitación das obras para instalar novas ramplas mecánicas na Gran Vía. Trátase das ramplas entre as rúas Xerona e Tarragona e o investimento ascende a algo máis de 9 millóns de euros, que contarán con financiamento europeo.
O proxecto prevé a instalación de 7 ramplas de diferentes lonxitudes, cubertas con pérgolas e rodeadas das árbores xa existentes no bulevar. “Queremos manter o modelo antigo nesa zona, coas árbores que imos respectar”, explicou o alcalde, Abel Caballero, en declaracións remitidas aos medios.
Tamén se levarán a cabo melloras de accesibilidade na zona, coa implantación de novas tecnoloxías para a xestión do tráfico e dos servizos urbanos. O Concello prevé posteriormente a colocación de ramplas mecánicas entre as rúas Tarragona e Islas Baleareas, cun custo previsto duns 8 millóns de euros.
