O alcalde de Vigo, Abel Caballero, sinalou este venres que xa enviou sendas cartas á Deputación de Pontevedra e á Xunta de Galicia para pedir que cofinancien os custos da candidatura da cidade a ser sede do Mundial, cos datos sobre os custos das infraestruturas: “Dígoles que temos que ir xuntos ao Mundial, que teñen que cooperar e que teñen que pagar”.
En declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívico asegurou que enviou a estas dúas institucións “o conxunto da actividade e da acción económica e todo o que ten que facerse para o Mundial”. Así mesmo, remarcou que outras cidades candidatas contan co apoio de deputacións, cabidos e gobernos autonómicos. Por iso, insistiu en que o custo de 107 millóns de euros para ser sede do Mundial debe ser financiado a partes iguais entre o Concello, a Xunta e a Deputación de Pontevedra.
Neste sentido, afirmou que a Xunta estaba disposta a financiar o 25 % da reforma das bancadas de Riazor, na Coruña, cando se postulou para ser sede, pagando 20 millóns ao ano, mentres que Vigo reclama que pague 9 millóns anuais durante 4 anos. “E por que na Coruña estaba disposta a pagar 20 millóns ao ano e non quere pagar 9 millóns en Vigo? Por que? E por que di Rueda que non chegaremos a tempo para o Mundial? En que se basea?”, preguntou Abel Caballero.
O alcalde insistiu en que a nova reforma da bancada de Tribuna, para superar as 40.000 persoas de aforo, terá máis utilidade ca o fútbol, coa celebración de concertos, actividades audiovisuais (“para filmar películas”), etc.
Caballero volveu lembrar que a Real Federación Española de Fútbol (RFEF), presidida por Louzán, tratou de deixar fóra a Vigo das cidades sede do Mundial, mentres que a Xunta, a Deputación, o PP e o BNG quedaron “caladiños” porque só o goberno de Vigo, co apoio do Goberno central, defendeu a candidatura.
En calquera caso, Caballero asegurou que “o Mundial está garantido” porque o proxecto xa foi presentado “hai seis anos” e, malia os intentos, o Concello non quedou “parado”. “Claro que chegamos a tempo para o Mundial. Claro que está garantido que se respectarán os prazos do Mundial e que se vai cumprir integramente o que a FIFA establece. Por que din que non, entón? Porque se fose A Coruña, baterían palmas”, denunciou.
O alcalde cualificou a Rueda, a Feijóo e o conselleiro Diego Calvo de “caraduras políticos contra Vigo“, por negarlle o apoio económico á cidade, cando estaban dispostos a “pagar o dobre para A Coruña”.
Por outra parte, explicou que nas cartas enviadas propón manter unha reunión urxente entre el mesmo, o presidente da Xunta e o da Deputación de Pontevedra, “para acordar todo o que ten que ver coa participación da Xunta e da Deputación na bancada de Tribuna e no resto das opcións, e co que ten que suceder no próximo Mundial”. O rexedor prognosticou que as demais institucións quererán aprazar o encontro, pero que iso non deterá a obra.
Finalmente, criticou duramente o BNG de Vigo por cuestionar o gasto de 107 millóns para ser sede do Mundial e afirmou que “o Bloque, se puidese, queimaba Vigo”. “Agora non queren que haxa Mundial, pois que llo digan á xente que está en Balaídos, á xente que vai ao fútbol. Porque non facer esta obra significa que o Celta non vai ter 41.000 espectadores no campo no futuro”, apostilou. “Pois que o Bloque e o PP de Vigo lle digan ao Celta que non queren que haxa Mundial en Vigo. Que llo digan, que vaian ao seguinte partido e que saquen unha pancarta dicindo que non queremos que se reforme o estadio de Balaídos para o Mundial”, sentenciou.
