A reitora da Universidade de Vigo (UVigo), Carmen García Mateo, reivindicou a importancia de poñer en valor o “prestixio” da universidade pública e da educación pública en xeral, e destacou a calidade da súa docencia e das súas instalacións. Así o sinalou durante a súa participación nun almorzo informativo organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia, celebrado este xoves en Vigo. Alí, García Mateo apuntou que as universidades privadas buscan profesorado e persoal entre as persoas tituladas nas públicas. “A miña mensaxe non vai en contra das universidades privadas”, subliñou, “senón a prol de poñer en valor a pública”, insistiu.
Durante a súa intervención, a reitora repasou a situación actual da UVigo, que conta con preto de 20.000 estudantes nos seus tres campus: Vigo, Ourense e Pontevedra. Tras falar da importancia da investigación e do investimento no ensino público, García Mateo puxo o foco na transferencia de coñecemento á sociedade e na necesidade de xerar un maior impacto social. Por iso, ela e o seu equipo parten da idea de participar en todos os foros de debate e darlle visibilidade á universidade na cidade.
Entre outros asuntos, malia recoñecer as dificultades que existen á hora de modificar a oferta de graos, sinalou que resulta máis viable adaptar os másteres e as microcredenciais, un instrumento con “enorme potencial”, ao seu xuízo, que permite á cidadanía formarse ao longo da vida. A reitora insistiu en que se trata dun instrumento “áxil e breve no tempo”, pero que permite ás persoas formarse e cambiar de emprego cunha titulación recoñecida a nivel europeo.
