A Xunta de Galicia prevé ter rematadas as primeiras 84 vivendas da nova Navia nos primeiros meses de 2027, segundo confirmou este mércores o presidente galego, Alfonso Rueda, que visitou as obras neste barrio vigués, onde hai 927 pisos de promoción pública autonómica en marcha, dun total de 1.600 proxectados. O presidente galego, que visitou os edificios en construción xunto coa conselleira de Vivenda e Infraestruturas, María Martínez Allegue, puxo en valor a aposta do Goberno autonómico por construír vivenda protexida na maior cidade de Galicia, que, xunto coa Coruña, é onde a Xunta fai “o maior esforzo”.
No caso de Navia, onde se proxectan 1.600 vivendas públicas cun investimento de 260 millóns de euros, xa hai 927 pisos en construción, en paralelo coa urbanización, a construción de viarios e a instalación de servizos. Segundo indicou Rueda, 84 das vivendas estarán rematadas “nos primeiros meses” de 2027. Así mesmo, Rueda sinalou que nos orzamentos galegos de 2027 haberá unha partida de 96 millóns de euros para “seguir construíndo” en Vigo. Neste sentido, lembrou que, ademais das promocións de Navia, a Xunta proxecta outras 3.400 vivendas en dous ámbitos da cidade olívica: o Ofimático e Ramón Nieto.
Na súa intervención, o titular do Executivo galego reivindicou as políticas de vivenda do seu Goberno e apostou tamén por outras medidas, á marxe da construción de vivenda nova —incluídas fórmulas de colaboración público-privada—, como a mobilización de vivenda baleira, aínda que dando “seguridade xurídica aos propietarios”. Finalmente, Rueda lembrou que a Xunta acaba de aprobar unha nova liña de sete millóns de euros en axudas para que os concellos “se animen” tamén a construír vivenda pública, e engadiu que “o Goberno central tamén pode facer moitas cousas”.
Pola súa banda, a conselleira María Martínez Allegue puxo en valor a “folla de ruta ben clara” da Xunta para cumprir o seu compromiso coa vivenda pública e aproveitou esta visita a Navia para lanzar unha mensaxe ao alcalde, Abel Caballero, aínda que sen nomealo: “Quen diga que non estamos construíndo vivenda de promoción pública en Vigo, mente”.
