Veciños do centro de Vigo defenderon este mércores a necesidade de primar a protección da Alameda e pediron que a acampada pola vivenda se traslade a outro punto da cidade. Nun comunicado enviado aos medios de comunicación, a Asociación de Veciños Vigo Centro considera que a Alameda, “polo seu carácter de espazo protexido e polo seu valor histórico, ambiental e patrimonial, debe ser obxecto dunha especial protección”.
“Por este motivo entendemos que non é un lugar axeitado para realizar unha acampada libre, unha actividade que inevitablemente supón unha ocupación intensiva do espazo e pode xerar afeccións nos xardíns, na arborada e na contorna“, indicaron. “Este é, precisamente, un dos motivos polos que tamén vimos defendendo que eventos como o Cíes Market non deberían celebrarse na Alameda. A nosa posición é coherente con independencia de quen organice ou protagonice a actividade: a protección da Alameda debe aplicarse co mesmo criterio para todos“, insistiron.
Segundo a asociación, Vigo dispón doutros espazos onde se poden desenvolver este tipo de iniciativas sen someter un xardín protexido a unha presión para a que non está concibido. “Defender a Alameda non significa estar en contra das actividades, senón pedir que cada actividade se celebre no lugar axeitado”, sentenciaron. Todo isto despois de que o pasado luns unhas vinte persoas se sumasen en Vigo ás acampadas pola vivenda rexistradas en distintas cidades de toda España, instalándose en máis de 15 tendas de campaña na Alameda.
