A Xunta de Galicia quixo enviar unha mensaxe de “tranquilidade” á veciñanza de Vigo da súa área metropolitana, insistindo en que o abastecemento de auga está “garantido”, con recursos suficientes ata finais de ano nun escenario sen precipitacións nin restricións adicionais.
Así o trasladou o Goberno galego aos medios de comunicación despois de que nas últimas horas o alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, volvese dar a voz de alarma e pedise ao Executivo autonómico que reducise o caudal ecolóxico en Eiras, que se atopa ao 42% da súa capacidade.
“Segundo os últimos datos que manexa Augas de Galicia, o ritmo de descenso das reservas moderouse nas últimas semanas e, de manterse esta evolución, o encoro tería recursos suficientes para chegar a finais de ano mesmo nun escenario sen precipitacións nin restricións adicionais”, indicou a Xunta.
A Administración galega quixo aclarar, tras a petición do rexedor, que a adaptación dos caudais ecolóxicos non é unha medida ordinaria nin automática, senón “excepcional” en caso de escenarios de seca prolongada e baixo uns criterios técnicos. “Hoxe por hoxe, esas circunstancias non se dan no sistema de abastecemento de Vigo, polo que non estamos ante un escenario que xustifique a adopción desta medida”, sentenciou, lembrándolles aos concellos que poden tomar medidas, dentro das súas competencias, para reducir o consumo de auga.
