Afectados o Proxecto de Interese Autonómico (PIA) do Ofimático e Santa Cristina de Vigo pediron á Xunta que paralice as expropiacións e inicie unha mesa de diálogo “real, transparente e sen imposicións” cos veciños.
Nun comunicado, a Plataforma de Afectados polo PIA lamentou a situación que viven, lembrando que nos últimos 40 anos non se lles permitiu facer “nada” nese chan e agora son expropiados para que a Administración constrúa alí. Así, lamentaron que os prezos que percibirían están “totalmente fóra” de mercado e a solución que lle ofrece a Xunta é, segundo din, “a reserva de chan no propio ámbito para que os afectados poidan construír ou comprar novas casas unifamiliares”.
“Esta proposta é unha trampa e un insulto á intelixencia das familias. Co que a Xunta pretende pagar polo metro cadrado expropiado, ningún veciño afectado terá capacidade económica para comprar terreo de mercado libre no novo desenvolvemento e asumir os custos dunha construción desde cero. Pretenden que vendamos as nosas casas a prezo de saldo e despois compremos chan a prezo de mercado, financiado indirectamente o propio desenvolvemento urbanístico á conta do noso peto”, criticaron.
Por todo iso, solicitaron tamén a publicación dun estudo de viabilidade económica do proxecto, para coñecer os custos reais da operación e que se propoñan solucións “reais” que garantan a permanencia dos veciños no barrio. “Non aceptaremos promesas baleiras de mercado libre. Esiximos que calquera actuación pública respecte o arraigamento veciñal e os dereitos consolidados das familias de Lavadores e Santa Cristina”, sentenciaron.
