InicioCulturaA rodaxe de 'Pínkala' transforma a Estación Marítima de Vigo nun control...

A rodaxe de ‘Pínkala’ transforma a Estación Marítima de Vigo nun control aeroportuario

A nova película de Juanjo Giménez completa as súas últimas semanas de filmación entre Vigo e Tomiño cunha achega de 350.000 euros da Xunta.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou este martes na Estación Marítima de Vigo o equipo de Pínkala, a nova longametraxe do director Juanjo Giménez, impulsada pola produtora galega Frida Films en coprodución con M-Films. O proxecto está incluído nas axudas da Xunta para a atracción de rodaxes audiovisuais e atópase xa na fase final de filmación en Galicia, onde completa as últimas semanas de traballo entre Vigo e Tomiño. A película conta cunha achega de 350.000 euros do Goberno galego no marco da liña de axudas para a atracción de rodaxes, dotada este ano con 2,53 millóns de euros e cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.

IMPULSO Á INDUSTRIA AUDIOVISUAL GALEGA

Durante o encontro co equipo, López Campos estivo acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil. O conselleiro lembrou que esta iniciativa favorece a chegada de proxectos cinematográficos e televisivos capaces de “dinamizar a actividade económica, crear emprego cualificado e fortalecer a cadea de valor da industria audiovisual galega”. Tamén destacou que “Galicia se consolidou como un territorio de referencia para a produción audiovisual grazas á combinación de talento creativo, empresas cada vez máis competitivas e unha estratexia pública estable para acompañar o crecemento do sector”.

López Campos incidiu ademais en que “o audiovisual é unha das industrias culturais con maior capacidade para crear valor e conectar a cultura coa innovación, o turismo e a internacionalización”, polo que continuará a ser unha prioridade para o Goberno galego. Sobre Pínkala, salientou que constitúe “un exemplo de produción internacional que confía nas empresas, nos profesionais e nas localizacións galegas para desenvolver un proxecto de gran calidade artística”.

A ESTACIÓN MARÍTIMA, CONVERTIDA NUN AEROPORTO

A visita institucional coincidiu coa gravación dunha escena na que a Estación Marítima de Vigo se transforma nun control de seguridade aeroportuario. Nela, o protagonista da historia, Sam, interpretado por Pol López, enfróntase por primeira vez ao proceso previo ao embarque nun voo. A secuencia pon de manifesto as dificultades do personaxe para desenvolverse nun espazo descoñecido e cunha gran afluencia de persoas.

ÚLTIMAS XORNADAS ENTRE TOMIÑO E VIGO

Tras esta sesión, o equipo desprazarase a Tomiño para completar unha nova semana de traballo nunha localización interior. Posteriormente regresará a Vigo para afrontar as últimas xornadas da planificación, previstas en horario nocturno nos antigos xulgados da cidade, antes de iniciar a fase de posprodución.

UN FILME SOBRE VULNERABILIDADE, COIDADOS E VÍNCULOS HUMANOS

Pínkala é unha produción da empresa galega Frida Films, compartida coa lituana M-Films, baixo a dirección de Juanjo Giménez. O cineasta foi gañador da Palma de Ouro á mellor curtametraxe no Festival de Cannes por Timecode e candidato aos Premios Óscar. A película segue a historia de Sam, un home cunha extrema sensibilidade aos estímulos que vive practicamente illado do mundo. A chegada dunha nova persoa ao seu contorno obrigarao a cuestionar ese equilibrio e iniciar unha transformación persoal, convertendo o filme nunha reflexión sobre a vulnerabilidade, os coidados e os vínculos humanos.

ÚLTIMAS

Vigo aproba un orzamento récord de máis de 365 millóns e conxela taxas e impostos

A xunta de goberno local de Vigo aprobou este martes "o orzamento máis elevado...

A rebaixa fiscal da Xunta. Dos 96 millóns anunciados aos 5 euros efectivos por fogar. Canto aforrará realmente unha familia galega?

A baixada do IRPF anunciada esta semana pola Xunta en plena precampaña electoral terá...

Stellantis parará dous días a produción do Peugeot 2008 en Vigo por falta de pezas

A fábrica de Vigo do grupo automobilístico Stellantis volverá deter a produción a finais...

O PP de Vigo reivindica a aposta da Xunta pola recuperación da ETEA, con 11,7 millóns nas contas de 2027

A presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, reivindicou este martes a aposta da...