InicioMedio Ambiente e PatrimonioDesaconsellan o baño en dúas praias das Cíes: a de Rodas e...

Desaconsellan o baño en dúas praias das Cíes: a de Rodas e Figueiras por contaminación microbiolóxica na auga

Achouse a presenza de bacterias nunha porcentaxe que non é compatible coa recomendación do baño para as persoas

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Consellería de Sanidade desaconsella temporalmente o baño nas praias de Rodas e Figueiras, nas illas Cíes, por un “episodio puntual” de contaminación microbiolóxica na auga. A orixe desta contaminación aínda se descoñece e está a ser investigada polas autoridades competentes.

O Goberno de Vigo informou de que, nas últimas horas, a Consellería de Sanidade lles advertiu da contaminación detectada na auga destes dous areais. A alerta responde ás análises recollidas o pasado 21 de xullo, que evidenciaron a presenza de bacterias “en proporcións superiores ás normais”, segundo detallaron fontes do departamento autonómico.

PROBAS DE CONTRASTE E SEGUIMENTO CONTINUO

A Xunta xa encargou realizar probas de contraste e un seguimento “próximo e continuo” da situación. Ademais, Sanidade incidiu en que, “tan axiña como” se coñeceron os resultados, comunicou a situación ao Concello de Vigo para que sinalizase a recomendación temporal de non se bañar nestes areais.

Nun comunicado propio, o ente local confirmou a posta en marcha das medidas correspondentes. “O Concello vese na obriga de non recomendar temporalmente o baño nos areais de Rodas e Figueiras ata que se elimine esta contaminación na auga”, sinalou.

A RECOMENDACIÓN MANTERASE ATA NOVOS RESULTADOS

Segundo apuntou Sanidade, as autoridades competentes están a investigar a orixe do episodio de contaminación. “Mentres non se dispoña de novos resultados analíticos que permitan confirmar a recuperación da calidade da auga, mantense a recomendación sanitaria de absterse do baño en ambas as dúas zonas”, engadiu a Consellería.

A medida afecta dúas das praias máis coñecidas das illas Cíes, un dos principais reclamos turísticos do Parque Nacional das Illas Atlánticas. O episodio prodúcese poucos días despois de que a localidade pontevedresa de Baiona pechase tamén dúas das súas praias máis coñecidas, A Ladeira e Santa Marta, debido ás análises realizadas nas súas augas. Neste caso, os areais volveron abrir o pasado martes tras recuperar a “calidade excelente” da auga.

ÚLTIMAS

A acampada pola vivenda en Vigo manterase de forma “indefinida” pese ao desaloxo da protesta en Madrid

A acampada pola vivenda en Vigo manterase de forma "indefinida" malia o desaloxo, levado...

Unha mestra menos, 180 escolares e unha comunidade en pé: o conflito educativo que sacode Vigo

Aprender a quitar o abrigo, pedir axuda para ir ao baño, expresar unha necesidade...

Só catro destinos desde Peinador: o PP acusa a Aena e Abel Caballero de “acabar” co aeroporto de Vigo

Un aeroporto é moito máis que unha infraestrutura de transporte. As súas conexións condicionan...

Un exprofesor do Colexio Montecastelo de Vigo, entre os falecidos no accidente ferroviario de Urda

O Colexio Montecastelo de Vigo lamentou nas últimas horas o falecemento de Carlos Ortiz,...