O goberno municipal de Vigo non compareceu finalmente na reunión da comisión de seguimento do convenio para construír un macroparque na Leira Matías, na que se ía a abordar a prórroga do devandito convenio, para que o Concello poida executar os traballos dentro de prazo.
O encontro fora convocado por Luisa Sánchez, vicepresidenta da Deputación, que é a administración de financia o 79% desa obra, e estaban presentes a propia Sánchez, a deputada provincial de Cooperación Local, María Ramallo, e un técnico da institución, pero ninguén acudiu por parte do Concello olívico.
Segundo sinalou a propia Luisa Sánchez ante os medios, o goberno municipal alegou problemas de organización interna, xa que valora cambiar aos representantes do Concello na devandita comisión, así como unha escasa marxe de tempo na convocatoria. Unhas explicacións que a vicepresidenta provincial rexeitou, xa que a reunión convocouse con máis de 48 horas de antelación (o propio convenio establece ese prazo mínimo) e noutras ocasións, houbo cambios nos asistentes, que se fixeron dun día para outro sen maior contratempo.
Á marxe da incomparecencia municipal, Luisa Sánchez explicou que debe ser a comisión a que informe sobre a prórroga do convenio. Trátase dunha prórroga necesaria porque o acordo ten vixencia ata finais deste ano e a obra da Leira Matías ten un prazo de execución de 8 meses, pero aínda non comezou (máis aló dun acto de colocación da primeira pedra levado a cabo polo alcalde esta semana, sen convidar a ningún representante da Deputación nin convocar aos medios). Sánchez proclamou que, a pesar destas trabas, a Deputación “vai seguir investindo” en Vigo e pediu ao goberno local presidido por Caballero que teña “altura de miras” e poña ás institucións por encima dos cargos políticos.
A vicepresidenta defendeu que a Deputación está a cumprir o convenio, ciñéndose aos acordos alcanzados e á legalidade para garantir que a obra poida levar a cabo, cun investimento provincial de 2,58 millóns de euros (o Concello achega 668.000 euros). Luisa Sánchez lamentou que, de novo, o “sectarismo político” de Abel Caballero estea a obstaculizar un investimento provincial na cidade, e acusou ao rexedor de bloquear ese proxecto para logo “inventarse que a Deputación está en contra dos intereses de Vigo”.
