InicioSucesosO TS inadmite o recurso do home que violou e roubou a...

O TS inadmite o recurso do home que violou e roubou a unha muller en Vigo en 2013

O alto tribunal expón que non hai motivos de casación na sentenza condenatoria ditada pola sección quinta da Audiencia de Pontevedra, e que foi logo ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Tribunal Supremo non admitiu o recurso de casación presentado polo home condenado a 16 anos e medio de cárcere por haber agredido sexualmente e roubado a unha traballadora do antigo Hospital Xeral de Vigo en 2013.

O alto tribunal expón que non hai motivos de casación na sentenza condenatoria ditada pola sección quinta da Audiencia de Pontevedra, e que foi logo ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Así, a representación do procesado alegou que se vulnerou o dereito á tutela xudicial efectiva, porque se utilizou como elemento incriminatorio a declaración prestada pola vítima en fase de instrución (a muller non estaba en condicións de saúde para comparecer no xuízo e leuse a súa declaración).

Igualmente argumentou que non existía base probatoria suficiente e racionalmente valorada, e que, na súa resposta ao recurso de apelación, o TSXG non motivara suficientemente a súa desestimación.

No seu auto do pasado 11 de xuño, o Tribunal Supremo advirte de que non procede que o recorrente suxira outra valoración da proba distinta para que “se acomode mellor ao seu persoal interese”, e expón que o TSXG validou a decisión da Audiencia de dar lectura á declaración da vítima, porque a súa situación de saúde impedíalle comparecer no xuízo.

Igualmente, sinala, en liña cos sostido pola Audiencia e polo TSXG, que houbo proba de cargo suficiente con esa declaración a vítima, porque non había móbiles espúreos, mantivo a mesma versión ao longo do procedemento e a súa versión estivo corroborada por outros elementos, como o testemuño do policía que lle tomou declaración, os partes médicos e forenses, os restos de seme achados na súa zona xenital, ou o propio recoñecemento do acusado, que admitiu que estivo no lugar e o momento dos feitos, e que tivo un encontro sexual coa muller (aínda que matizou que fora consentido).

Por todo iso, o Supremo conclúe que as cuestións expostas polo recorrente carecen de relevancia casacional, porque non expón argumentos distintos aos que xa presentou con anterioridade, e defende que xa o TSXG respondeu o recurso de apelación de forma “lóxica, motivada e razoable”.

SENTENZA DA AUDIENCIA

O tribunal provincial considerou probado que, na madrugada do 30 de marzo de 2013, cando a vítima saíra de traballar e dirixíase a unha parada de bus, o acusado abordouna por detrás e tapoulle a boca, mentres coa outra man púxolle un obxecto punzante nas costas á vez que lle advertía: “como grites pícoche”.

A muller deulle o diñeiro que levaba pero o acusado seguiuna ameazando co obxecto punzante, para levarlla a un punto apartado e agredila sexualmente. Ademais de penetrala vaginalmente en dúas ocasións, obrigoulle a realizarlle unha felación e, cando a vítima se vestiu, antes de deixala ir, arrincoulle unha cadea de ouro que levaba, ademais de roubarlle un anel de ouro e un reloxo.

O sospeitoso non foi identificado nese momento, pero acabou detido case unha década despois, grazas ao ADN achado nunha cabicha que fumara e que se atopou no escenario doutro delito.

O xuízo por estes feitos tivo que celebrarse a porta pechada pola actitude violenta do procesado cara aos medios de comunicación presentes na sala. Durante a vista, o home non quixo declarar, aínda que ao final, facendo uso do seu dereito á última palabra, negou a violación e asegurou que as relacións sexuais foran consentidas.

ÚLTIMAS

Vigo activa a prealerta por seca e restrinxe o uso da auga en baldeos, regos, fontes e duchas das praias

O Concello de Vigo activou a situación de prealerta por seca e adoptou medidas...

Vigo acollerá un concerto solidario para axudar a Venezuela

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns a celebración dun concerto solidario...

Desconvocada a folga nas lavandarías dos hospitais da área de Vigo

O comité de empresa e a dirección de Elis Manomatic, que presta o servizo...