InicioSociedadeA parella do falecido no Saltamontes recorre para que se investigue tamén...

A parella do falecido no Saltamontes recorre para que se investigue tamén un alto funcionario de Vigo e o presidente da comisión de festas

A acusación pide á Audiencia de Pontevedra que revogue o arquivo respecto do xefe municipal de Seguridade e do responsable das festas de Matamá por posibles delitos de homicidio imprudente e lesións.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Unha das acusacións personadas no chamado caso Saltamontes presentou recurso de apelación ante a Audiencia Provincial de Pontevedra para que deixe sen efecto o sobresemento das actuacións respecto do xefe da área municipal de Seguridade, Antonio V.M., e do presidente da comisión de festas de Matamá, Cristian G.M. A acusación, que representa a parella do mozo falecido na atracción e que estaba con el no momento do accidente, reclama que se ordene continuar as actuacións contra estas dúas persoas polos supostos delitos de homicidio imprudente e lesións.

O auto da sección de Instrución de Vigo, do pasado 12 de xuño, rexeitara os recursos presentados tanto por esta acusación como pola concelleira de Seguridade de Vigo, Patricia Rodríguez. Nesa resolución, o xuíz ratificaba a imputación da edila e do propietario da atracción, Gerardo Manuel M.D.S., e confirmaba o sobresemento respecto do xefe municipal de Seguridade e do presidente da Comisión de Festas, ao considerar que non mantiñan unha posición de garantes e que non se lles podía atribuír a responsabilidade de precintar a instalación.

“CAPACIDADE REAL” PARA ACTUAR

Contra ese auto, a parella do falecido presentou agora recurso de apelación ante a Audiencia. No escrito sostén que existen “indicios razoables suficientes” para a imputación de Antonio V.M. e Cristian G.M., pola súa “intervención, coñecemento do risco e capacidade de actuación”. “Ambos tiñan capacidade real para activar medidas materiais, organizativas, policiais ou administrativas que impedisen a continuidade do funcionamento da atracción”, sinala o recurso. No tocante ao alto funcionario municipal, a acusación afirma que tiña funcións técnicas, informativas, asesoras e de “advertencia cualificada”. De feito, o escrito sostén que a este responsable municipal “se lle presupoñen máis coñecementos ca á propia concelleira a quen ten que asesorar”.

O PAPEL DA COMISIÓN DE FESTAS

En canto ao presidente da Comisión de Festas de Matamá, a acusación apunta que non só era o organizador e director do Plan de Autoprotección do evento, senón que sabía que o Saltamontes estaba en funcionamento malia carecer de autorización municipal. Segundo esta parte, Cristian G.M. podería ter activado o Plan de Autoprotección, avisado con urxencia a Policía Local, comunicado o incumprimento ao Concello ou mesmo impedido o acceso de usuarios á atracción. Ademais de pedir a imputación destas dúas persoas, a acusación reclama tamén que se declare a responsabilidade civil subsidiaria do Concello de Vigo e da asociación organizadora da festa.

DOUS IMPUTADOS E PETICIÓNS DE CATRO ANOS E MEDIO DE CÁRCERE

Neste momento, o procedemento séguese por homicidio imprudente e por un delito de lesións contra a concelleira de Seguridade de Vigo e o propietario da atracción. Os feitos ocorreron na madrugada do 3 de agosto de 2024, cando un dos brazos do Saltamontes se desprendeu. Un mozo que ía na atracción, Iván C.H., de 36 anos, sufriu lesións que lle provocaron a morte. Ambas as acusacións particulares xa presentaron os seus escritos de cara á apertura de xuízo, que aínda non se produciu.Nos seus escritos solicitan para cada un dos dous imputados unha pena de catro anos e medio de cárcere.

ÚLTIMAS

Un profesor da Universidade de Vigo reúne 180.000 nomes de invertebrados nunha obra única no mundo

A Universidade de Vigo presentou este venres o último libro do profesor da Facultade...

Dous detidos e un investigado pola malleira a un home nun parking do Porriño

A Garda Civil de Pontevedra detivo a dous homes e investiga a un terceiro...

Organizacións de produtores de Vigo reclaman axilizar axudas ante a “difícil situación” da frota pesqueira

Organizacións de produtores viguesas (Opnapa, OPPC-3 e OPPF-4) trasladaron á secretaria xeral de Pesca,...

Besteiro pon o foco nas 100.000 vivendas baleiras de Galicia e esixe á Xunta actuar, poñendo a Vigo como exemplo de boa xestión: “Non...

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, puxo este venres como exemplo...