InicioSociedadeA UVigo conmemora o Día Mundial dos Océanos cos aniversarios da Ecimat...

A UVigo conmemora o Día Mundial dos Océanos cos aniversarios da Ecimat e do Centro de Investigación Mariña

A institución académica reivindica en Toralla o papel estratéxico das súas infraestruturas e avanza nos plans para expandir o CIM na ETEA.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Universidade de Vigo (UVigo) celebrou este luns o 20º aniversario da apertura da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat) e os dez anos do Centro de Investigación Mariña (CIM), coincidindo coa celebración deste 8 de xuño, Día Mundial dos Océanos. Nun acto desenvolvido nas instalacións de Toralla, a institución puxo en valor a transcendencia destas infraestruturas, que consolidaron o centro como un dos principais referentes da investigación mariña no arco atlántico europeo grazas á súa excelencia científica e proxección internacional. pola súa banda, a Ecimat mantense como unha das plataformas de investigación experimental máis singulares do sur de Europa.

O primeiro director da Ecimat, Ricardo Beiras, lembrou o nacemento do centro e reivindicou a importancia do investimento público polo alto retorno que supón para a sociedade, ao tempo que instou a dirección da UVigo a seguir apostando pola estación e a captar colaboracións privadas. O seu sucesor no cargo, Jesús S. Troncoso, agradeceu o labor fundacional e destacou o fito que supuxo a incorporación da Ecimat ao Foro Estratéxico Europeo para Infraestruturas de Investigación (Esfri) para atraer proxectos internacionais. Pola súa banda, o actual director, José Manuel García, centrou o seu discurso no agradecemento a todo o persoal técnico e investigador que fixo posible acadar estas dúas décadas de traxectoria.

O FUTURO DO CIM E A EXPANSIÓN NA ETEA

O director do CIM, Daniel Rei, enfocou a súa intervención cara aos retos vindeiros, asegurando que “o mellor do CIM non está na súa historia, senón no futuro”. Rei defendeu a necesidade de cooperar entre as distintas administracións e sinalou que o desenvolvemento do Campus do Mar na antiga Escola de Transmisións e Electricidade da Armada (ETEA) será clave para atraer máis talento á cidade.

O eido científico estivo arroupado por representantes de diversas institucións. O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, alertou sobre os grandes problemas que o cambio climático xera nos ecosistemas mariños. Do mesmo xeito, a directora do Intecmar, María Covadonga Salgado; o secretario xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez; e a terceira tenente de alcalde de Vigo, Elena Espinosa, coincidiron na urxencia de apoiar estas instalacións punteiras.

O acto foi pechado polo reitor en funcións da UVigo, Manuel Reigosa, quen instou a “acelerar” para non perder o liderado científico. Reigosa detallou o estado das negociacións para o Campus do Mar, confirmando que a Xunta xa cedeu os edificios Morse e Enfermaría, e adiantou que están a ultimar unha permuta con Zona Franca para obter o edificio Siemens co obxectivo de instalar alí o CIM, mantendo intacta a actividade da Ecimat en Toralla.

ÚLTIMAS

Alfonso Rueda celebra o traslado de 7.800 pacientes de Povisa ao Álvaro Cunqueiro

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou que 7.800 persoas decidiron cambiar a súa...

A Autoridade Portuaria de Vigo saca a poxa por 62.000 euros o narcobuque ‘Gure Leire’

O Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vigo acordou poxar o pesqueiro vasco...

O BNG esixe a Abel Caballero que rompa o “muro de silencio” ante as 41.000 queixas veciñais presentadas en Vigo

O grupo municipal do BNG en Vigo pediu este luns "acabar co muro de...

A Xunta suprime a única oficina de rexistro propio de Augas de Galicia en Vigo para racionalizar recursos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns a orde pola que se...