O voceiro municipal do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, esixiu á Xunta que reforce o persoal nos centros de saúde da cidade para evitar outro verán de “colapso sanitario”. Nun comunicado, os nacionalistas advertiron de que xa se están a alongar as esperas para cita médica, que nalgún caso alcanzan os 15 días, e alertaron do risco de saturación do punto de atención continuada e das urxencias hospitalarias. “Se non hai máis persoal nin máis medios, esta situación vai agravarse coa chegada do verán, repetindo o colapso que xa padecemos en anos anteriores”, lamentou Igrexas.
O voceiro nacionalista considera “especialmente preocupante” a situación na pediatría e reivindicou que os máis pequenos “precisan e merecen atención médica especializada todo o ano”, aínda que, segundo dixo, o PP “semella non entendelo”. “A enfermidade non toma vacacións e o dereito á saúde tampouco”, reivindicou Igrexas, acusando os populares de manter “unha nefasta política sanitaria de recortes e privatizacións”.
