A Universidade de Vigo afianza o seu compromiso coa divulgación científica e co fomento das vocacións STEM entre a mocidade, especialmente entre as nenas, coa publicación da sexta edición do catálogo Quero ser investigadora, unha publicación que recolle a historia de dez científicas da UVigo para inspirar as investigadoras do futuro. Ilustrado pola artista Alba Casanova (1981), a través da técnica do collage debúxase a historia de dez novas referentes, dez científicas, mulleres, dez nenas que contribúen, co seu exemplo, a construír un relato da ciencia máis xusto e representativo. Tal e como subliña no preámbulo do libro a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, trátase de “reverter a histórica ausencia das mulleres no imaxinario científico, un fenómeno que non só supón unha inxustiza social, senón tamén unha perda colectiva”.
O volume, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, forma parte das actividades do plan de Ciencia de Ida e Volta, o programa anual de actividades da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo.
Dez historias, dez referentes
Nesta edición, dez investigadoras da UVigo comparten o seu camiño cara á ciencia desde ámbitos tan diversos como a sociolingüística, a bioloxía, a enxeñaría química, a biomedicina, as belas artes, a física aplicada, a economía, o dereito ou a informática. “Quixemos reflectir que as traxectorias son únicas e persoais, e que cada decisión profesional está atravesada por múltiples factores. Non hai un único xeito de chegar á investigación, é un camiño individual e diferente en cada caso”, subliñan dende a UCC+i.
A primeira das historias ten como protagonista a María Méndez Santos, profesora e investigadora en lingua e lingüística, actual secretaria do Instituto de investigación iLingua, que relata a súa “particular volta ao mundo”, na que pasou por países como Armenia, Romanía, Ucraína ou mesmo Xapón antes de volver ao seu Vigo natal. Pola contra, a carreira de Begoña González de Prado comezou e continúa na UVigo, dentro do grupo FEQxlab, que hoxe lidera. A profesión de científica engaiolouna tan pronto rematou a tese de doutoramento e, logo de vinte anos investigando sobre os xeitos de empregar a enxeñaría química para coidar o medio natural, asegura que segue crendo no poder da ciencia para “transformar os residuos en recursos”.
A historia de María Mayán Santos, investigadora na área de Biomedicina no CINBIO, comezou “entre a vontade e o azar”. Tranquila, sociable, estudosa, sinala que de nena lle gustaba deixarse levar pola imaxinación e que “non sentía unha chamada especial polas ciencias”. No seu relato tamén figura unha mensaxe para as nenas e mozas de hoxe: que poden ocupar “calquera espazo que se propoñan”. Pola súa banda, a profesora de Belas Artes Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes confesa que de nena lle gustaba a bioloxía e que soñaba con ser astronauta para “ver o mundo dende fóra”. Mentres, a física Maite Rodríguez DeCastro (CIM-UVigo), lembra que, á hora de escoller un camiño profesional, valorou positivamente varios aspectos da carreira investigadora, como desenvolver tarefas moi diversas ou manter unha formación continua.
As inxustizas chegaron á vida da investigadora en Economía Raquel Fernández González (Ecobas) de xeito prematuro e contribuíron poderosamente a moldear o seu xeito de ollar o mundo e á súa vocación, por iso afirma que escolleu a economía “non como quen escolle unha carreira, senón como quen toma partido”. Pola súa banda, a catedrática de Dereito Laura Carballo Piñeiro reivindica as súas raíces rurais como base do seu camiño académico, mentres Alma Gómez Rodríguez, investigadora na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, defende unha visión humanista da ciencia, centrada en poñer o coñecemento ao servizo das persoas.

A historia da enxeñeira Lucía Díaz Vilariño, do Cintecx, está ligada á súa vila natal, Vilalba, onde “as cousas tiñan unha maneira discreta de estar no mundo”. Especializada en información tridimensional e modelaxe, asegura que o seu traballo “comeza cando hai que darlle sentido a esa información”. A edición pecha con Belén Martín Lucas, investigadora da área da Filoloxía inglesa, que reivindica a visibilización das achegas á cultura contemporánea das autoras negras, indíxenas ou migrantes a través da súa investigación. “Hai quen pensa que falar de novelas ou películas non é facer ciencia, pero estudar como pensamos e imaxinamos o mundo axúdanos a entender mellor as forzas sociais que nos moldean e a imaxinar alternativas”.
Novos recursos educativos
Seguindo a liña da edición anterior, Quero ser investigadora incorpora un audiolibro no que as propias protagonistas dan voz ás súas historias, ampliando as posibilidades de acceso e conexión co público. Ademais, inclúe unha versión de lectura fácil, con linguaxe clara e frases sinxelas, que elimina barreiras cognitivas e facilita a comprensión. O catálogo conta tamén cunha versión dixital e distribuirase en preto de 200 centros educativos de toda Galicia. Complétase cunha guía didáctica e con contidos interactivos e gamificados desenvolvidos na plataforma Genially, concretamente unha actividade tipo quiz e outra de adiviñar verdadeiro ou falso, que facilitan o traballo co material nas aulas dun xeito dinámico e participativo.
