O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, celebrou esta semana un encontro na sede do Goberno autonómico cos máximos representantes de Conxemar, a asociación que agrupa ao sector de maioristas, importadores, exportadores e transformadores de produtos pesqueiros e de acuicultura con implantación en España. Á cita asistiron, en representación da entidade, o seu presidente, Eloy García, e a directora xeral, Yobana Bermúdez. Polo lado da Administración, acompañaron a Rueda o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e a conselleira do Mar, Marta Villaverde.
Na mesa de traballo abordáronse os principais desafíos aos que se enfronta a industria galega de transformación de produtos do mar, así como as vías para fortalecer a presenza internacional da feira anual que organiza a asociación, segundo comunicou o Executivo autonómico.
O encontro serviu tamén para facer balance das liñas de traballo conxuntas que a Administración galega e Conxemar veñen desenvolvendo en distintos ámbitos. Entre elas figura a iniciativa Conxemar Lab, un programa orientado a fomentar o consumo de produtos do mar conxelados entre a poboación máis nova. Á par, ambas as partes trabajan no reforzamento da cadea de valor do sector pesqueiro e na proxección exterior desta industria estratéxica para a economía de Galicia.
Neste contexto, o Goberno galego subliñou o “papel clave” que desempeña a Feira Internacional Conxemar, que na súa última edición congregou no Ifevi —recinto feiral de Vigo— a un total de 30.405 visitantes procedentes de múltiples países, con 812 expositores de 46 países participantes. Rueda reafirmou que o apoio institucional ao recinto feiral “segue en marcha” e que a vontade do Goberno autonómico neste sentido é “total”.
CONXEMAR, UN PESO PESADO DA ECONOMÍA GALEGA
Con sede central en Vigo, Conxemar é a Asociación Española de Mayoristas, Importadores, Exportadores y Transformadores de Productos de la Pesca y Acuicultura. A entidade integra máis de 250 empresas asociadas que representan máis do 60 % do emprego e o 65 % da facturación do conxunto da industria e a comercialización de produtos pesqueiros en España, o que a converte nun axente fundamental dentro do tecido produtivo vinculado ao mar en Galicia.
