O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou este mércores que “cada vez está máis claro” que ao Concello de Vigo “non lle interesa dar información” sobre o accidente de O Marisquiño, porque hai cuestións que “non quere que se saiban”.
Así o dixo, en declaracións aos medios, despois de que transcendese que o concello vigués comunicou ao Parlamento de Galicia que non remitirá documentación en relación a este accidente para a súa análise por parte da Comisión de Investigación baseándose nun informe do secretario municipal.

“Está na liña do alcalde vigués, de non querer dar ningunha explicación nin en Vigo nin en sede parlamentaria”, dixo Alfonso Rueda, para quen “cada vez está máis claro que non interesa, polo que sexa, dar información” en relación a este accidente.
O vicepresidente viu no goberno local de Vigo un “afán de ocultación” que é “cada vez máis evidente” e instou a esperar o pronunciamiento dos servizos xurídicos do Parlamento en relación a esta postura que, en todo caso, “non é adecuada” desde o “punto de vista político”.
POSTURA DO CONCELLO DE VIGO
O goberno municipal de Vigo insistiu este martes en que non remitirá a documentación reclamada pola comisión de investigación do accidente do Marisquiño porque, segundo se recolle nun informe xurídico do secretario municipal, a actuación deste órgano –constituído no Parlamento de Galicia– é unha “inxerencia” na autonomía municipal.
Así o trasladou, en declaracións aos medios, o concelleiro de Xestión Municipal e segundo tenente de alcalde, Javier Pardo, quen recordou que, segundo ese informe técnico, “non é competencia do Parlamento de Galicia a inxerencia en asuntos municipais”, en alusión ao accidente ocorrido no festival O Marisquiño o pasado agosto, e que causou máis de 400 feridos.

“Non entendemos que BNG e En Marea poidan estar de acordo co PP para facer un ataque político ao alcalde de Vigo e ao Concello de Vigo”, proclamou Pardo, quen atribuíu a posición de ambos os grupos parlamentarios a unha “estratexia electoral”, “con total falta de respecto ás vítimas”.
Segundo o segundo tenente de alcalde vigués, será o xulgado o que dirima responsabilidades, un xulgado que, en todo caso, xa deixou reflectido nun auto que o lugar do accidente era un peirao do Porto, que é o organismo que “ten que arranxar o que se derrubou”.
CRÍTICAS DE BNG E PP
Pola súa banda, o grupo municipal do PP criticou a “nula colaboración” do goberno vigués coa comisión parlamentaria do Marisquiño, o que supón un “desprezo” ao Parlamento de Galicia.
“Non nos sorprende, porque é unha mostra máis de como actúa este goberno. A súa estratexia é a ocultación, desde o minuto un, non quere que se saiba a verdade”, sentenciou o concelleiro Miguel Fidalgo, quen recordou que o goberno presidido por Abel Caballero “dixo non” á creación dunha comisión de investigación municipal, e á comparecencia do alcalde ou do concelleiro de seguridade para explicar o sucedido.

Mentres, o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, denunciou que tanto o goberno olívico como Portos do Estado ou Zona Franca, todos organismos “dirixidos polo PSOE”, en lugar de “colaborar activamente” para que se saiba que pasou, están a intentar “dinamitar” a investigación da comisión parlamentaria. “é intolerable, indefendible, e unha grave falta de respecto ás vítimas e aos cidadáns, que merecemos saber que pasou”, afirmou.
Por outra banda, Alfonso Rueda eloxiou o discurso de Fin de Ano do presidente da Xunta, criticado desde os partidos da oposición, e que, argumentou, tratou “os problemas e cuestións que agora preocupan en Galicia”. Ante as críticas das forzas de oposición, que viron o discurso excesivamente centrado en temas como a Constitución, o espírito da Transición ou o problema catalán, Rueda indicou que Núñez Feijóo “segue traballando en Galicia e por Galicia”, “recoñecendo as dificultades” e “pondo en valor os logros de todos”.

Neste sentido, o vicepresidente explicou que Feijóo falou neste discurso de sanidade, “pondo en valor o altísimo nivel da sanidade pública” e admitindo que “hai cousas que mellorar”. “Esta cuestión estivo presente na súa mensaxe, igual que estivo presente todo o que preocupa en Galicia”, resolveu.