Carmen García Mateo e Belén Rubio volveranse a enfrontar na segunda volta das eleccións ao reitorado da Universidade de Vigo (UVigo), despois de quedar primeira e segunda, respectivamente, na votación deste mércores. Segundo os resultados provisionais, co 100 % do escrutinio, ningún dos tres candidatos alcanzou polo menos o 50 % dos apoios; esa porcentaxe permitiríalle proclamarse reitor ou reitora do centro. Deste xeito, será necesaria unha segunda volta, prevista para o día 15 deste mes.
En concreto, García Mateo obtivo algo máis do 40 % dos votos ponderados, mentres que Belén Rubio rondou o 34 %. O terceiro candidato, Jacobo Porteiro, non alcanzou unha das dúas primeiras prazas, ao recadar algo menos do 26 % das papeletas. Por sectores, García Mateo foi a máis votada entre o profesorado e o persoal docente investigador con vinculación permanente á UVigo, así como entre o alumnado e o persoal técnico, de xestión e de administración.
Rubio, pola súa parte, logrou o mellor resultado entre o resto do profesorado. O colectivo con maior participación foi o de profesores permanentes, que superou o 86 %, mentres que o do persoal técnico rondou o 83 % e case un 59 % do resto do profesorado. Entre o estudantado, a participación superou o 13 %.
VALORACIÓN
Jacobo Porteiro foi o primeiro en valorar os resultados, recoñecendo que non son os que agardaba pero felicitando García Mateo e Rubio polo pase á segunda volta. Desexoulles sorte a ambas e confiou en que esta segunda votación sexa “tan limpa e construtiva” como a primeira, para que a UVigo elixa “o mellor” para toda a universidade.
Rubio asumiu a súa segunda posición con “responsabilidade”, reivindicando que seguirá traballando para explicar á comunidade educativa o modelo que propón para a UVigo. Tamén felicitou os restantes candidatos pola “boa relación” existente durante a campaña. “Polo menos xa sabemos que vai haber unha reitora na UVigo, e iso é positivo desde o meu punto de vista, que sexa unha muller”, subliñou ante os medios, e mostrouse esperanzada en poder reducir a diferenza e acadar o reitorado.
García Mateo, gañadora desta primeira volta, manifestou a súa ledicia polos resultados e dixo que continuará traballando para ser nomeada reitora na segunda volta. Agradeceu todo o apoio, moi numeroso entre o persoal técnico e de xestión que, segundo ela, “necesita cambio”. “Estamos de noraboa porque haberá unha primeira reitora da UVigo e unha segunda reitora no sistema universitario galego no mesmo ano. Un cambio importante”, celebrou.
