O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, retirou as competencias de Urbanismo, Patrimonio e Vivenda ao concelleiro José Ángel Bahamonde, mentres a Fiscalía investiga unha “posible incompatibilidade” derivada da súa condición de socio dunha empresa construtora. Con todo, o edil manterase dentro do goberno local como responsable das áreas de Medio Ambiente e Infraestruturas.
O rexedor informou desta decisión en rolda de prensa, explicando que el mesmo asumirá as rendas de Urbanismo por “respecto” á xustiza e co obxectivo de liberar de “presión” ao concelleiro, quen sufriu diversas críticas e mesmo pintadas na súa vivenda. “Sigo considerando a José Ángel unha persoa honesta“, apostilou Vázquez Almuiña, quen reivindicou en todo momento a presunción de inocencia para o seu compañeiro de filas. O goberno local tivo coñecemento o pasado 20 de marzo de que Bahamonde era socio da firma Encaixa Modular, empresa que obtivo licenza municipal para construír dez apartamentos turísticos no municipio.
VERSIÓN DE BAHAMONDE
Pola súa banda, José Ángel Bahamonde explicou que non tiña relación coa construtora ao inicio do mandato e que entrou a formar parte da compañía a finais de 2024. Segundo a súa versión, pensaba que non tería que actualizar a súa declaración de bens ata o final da lexislatura, pero decidiu presentar a documentación ante o “balbordo social” xerado polo tema.
O edil defendeu a súa xestión asegurando que “nunca deu trato de favor a ninguén” e que a concesión da licenza de obra é un “acto regrado” no que non cabe a discrecionalidade. Bahamonde insistiu en que non actuou de forma imparcial nin en desigualdade de condicións, e confirmou que toda a documentación do expediente xa foi posta a disposición do xulgado para a súa revisión.
