O Porto de Vigo pechou o exercicio de 2025 con 125 escalas de cruceiros e algo máis de 306.000 pasaxeiros, unha cifra similar á que se espera neste 2026, pero a previsión para 2027 é superar as 130 escalas e os 310.000 cruceiristas. Así o trasladou o presidente da Autoridade Portuaria, Carlos Botana, con motivo da participación do organismo na Seatrade Cruise Global de Miami, a feira de cruceiros máis importante do mundo. A Autoridade Portuaria de Vigo participou nesta cita a través dunha caseta propia no pavillón español que organiza Portos do Estado xunto con outras autoridades portuarias e organizacións de turismo, así como en encontros con empresas e asociacións do sector.
A importancia desta cita internacional radica na súa data de celebración, xa que é un momento crucial para as compañías armadoras que, en ocasións, acaban de perfilar ou mesmo modifican a planificación dos itinerarios e as súas escalas. Por outra banda, como novidade, o porto olívico presentou ao mercado internacional unha ambiciosa evolución do seu Carreiro Azul. Trátase da integración dunha ruta marítima exclusiva deseñada para ofrecer aos cruceiristas e visitantes unha inmersión total na biodiversidade da Ría de Vigo.
Este itinerario combina o percorrido a pé co traslado por mar, unindo fitos como o visor submarino Nautilus, unha xanela directa ao ecosistema mariño que permite observar a recuperación da biodiversidade en tempo real. Tamén inclúe os Peiraos do Solpor, o proxecto premiado internacionalmente que converte estruturas portuarias en arrecifes artificiais, o Museo do Mar de Galicia e o futuro centro de referencia do Parque Nacional das Illas Atlánticas no Faro das Illas Cíes. Carlos Botana salientou en Miami esta forma innovadora de conectar a cidade co seu porto para que o visitante viva a rexeneración da ría reducindo a pegada de carbono.
Ademais, o Porto de Vigo situouse en Miami como un destino único e privilexiado para gozar da eclipse solar que terá lugar o próximo 12 de agosto. Para este evento, o organismo deseñou unhas lentes protectoras conmemorativas que regalará a todos os que se animen a observar este fito desde o marco de Peiraos do Solpor. A eclipse coincidirá coa escala na cidade do xigante Iona e a Autoridade Portuaria traballa xa en actividades específicas para que tanto vigueses como visitantes poidan vivir esta xornada nas instalacións portuarias.
