O alcalde de Vigo, Abel Caballero, tachou de “absolutamente disparatada” a proposta do Clúster de Turismo para o aeroporto de Vigo, na que ve un “silencio cómplice” da Xunta, e advertiu: “Voume a encargar eu de que haxa voos a Vigo que teñan destinos e ámbitos turísticos“.
Nun audio remitido aos medios, o rexedor asegurou que o Concello xa está en diálogo con distintas compañías áreas, como xa fixo tamén na Feira Internacional de Turismo (Fitur), para que operen novas rutas desde Vigo. “Todas teñen un enorme interese en traer voos turísticos”, asegurou.
Caballero trasladou a súa “indignación” ante a proposta que o presidente do clúster, Cesáreo Pardal, trasladou o mércores ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo. A entidade avoga por unha especialización do tres aeroportos galegos, de forma que o de Santiago opere voos vacacionais e os da Coruña e Vigo estean orientados a rutas de traballo.
Na súa valoración da proposta, o rexedor vigués tachouna de “absolutamente disparatado” e instou ao organismo a que “o mellor que pode facer é disolverse”. “Pero o máis grave que sucedeu onte foi o silencio cómplice do conselleiro Diego Calvo ante esta proposta“, engadiu.
Caballero reprochou ao responsable autonómico que non rexeitase a proposta “con forza e dureza”: “quedou calado a ver que sucedeu”. Por iso, atopa no sucedido “un novo ataque durísimo” contra o aeroporto de Vigo por parte da Xunta, á que volveu a reprochar que non destinase “nin un só céntimo” a Peinador.
