O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou que no pleno municipal deste luns, 30 de marzo, instarán á Xunta e á Deputación de Pontevedra a que financien a remodelación e a nova bancada de tribuna do estadio Abanca Balaídos. Segundo explicou o rexedor, pedirán que ambas administracións acheguen a mesma cantidade económica que o Concello de Vigo para sufragar esta actuación.
Esta proposta enmárcase coa vista posta no Mundial de fútbol de 2030, que organizarán conxuntamente España, Marrocos e Portugal, e chega días despois de que A Coruña renunciase a ser sede do campionato. O goberno local considera que Vigo debe aproveitar esta oportunidade para optar a formar parte das cidades anfitrioas.
Neste contexto, o presidente da Real Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán, propuxo á FIFA que Valencia e Vigo figuren entre as sedes do Mundial, unha posibilidade que Caballero cualificou como “unha gran noticia”, aínda que recoñeceu que a cidade parte “con case dous anos de atraso” no proceso para ser seleccionada.
