A Universidade de Vigo presentou este martes un Museo de Arte Virtual co obxectivo de difundir o patrimonio cultural e artístico do que dispón a institución académica nos seus campus. Foi a vicerreitora de Extensión da UVigo, Susana Reboreda, a encargada de anunciar esta nova iniciativa, que busca ser un catálogo aberto dos bens patrimoniais da universidade para que a sociedade teña acceso a eles de forma sinxela a través dunha web interactiva.
En concreto, por agora colgáronse preto de 300 obras de escultura, pintura, fotografía e demais expresións artísticas no portal ‘mauvi.gal‘, onde se indica tamén a súa autoría ou localización. A idea é seguir ampliando e recompilando máis elementos para que a web siga crecendo. Ela explicou que, tras xurdir a idea, comezaron a buscar posibles catálogos anteriores, atopando un realizado no campus de Ourense en 2014, pero non estaba publicado na nube. A partir de aí, comezaron a traballar para difundir os elementos artísticos da universidade.
“Hai desde retratos de persoas que ocuparon determinados postos, como reitores, até esculturas, pinturas, fotografías…”, subliñou, engadindo que a web terá un apartado de Obra do Mes, sobre a cal se realizará un estudo da mesma. A primeira Obra do Mes é precisamente ‘Horizonte para ou Sol’, de Silverio Rivas, situada nunha das rotondas de acceso ao campus de Vigo.
