O Equipo de Seprona da Garda Civil de Pontevedra investiga a un home, veciño de Vigo, por un presunto delito de malos tratos a animal doméstico tras localizar a un cabalo con varias feridas. Segundo explicou nun comunicado o Instituto Armado, os feitos producíronse o 19 de xaneiro cando os axentes, tras unha inspección técnica ocular nun terreo rústico localizaron a dous cabalos, ambos sen marcas de identificación externa algunha e carecendo de microchip de identificación.
Un dos equinos estaba atado na parcela cunha corda que non tiña sistema antitorsión, non presentaba lesións e está nutrido. Polo que, aparentemente, está en bo estado de saúde. O outro equino estaba atado na parcela rústica contigua cunha corda e un cabezal de cadea metálica, que estaba incrustado na cabeza e no fuciño do animal provocándolle feridas abertas e de certa profundidade.
As feridas de maior gravidade tíñaas na nunca e na zona superior do fuciño, aínda que toda a zona abrazada polo cabezal de cadea metálica estaba a enterrarse na carne do animal. Os axentes deduciron que o cabezal foi colocado hai moito tempo, o animal creceu e o cabezal está tan tensionado que se enterra por baixo da pel do cabalo.
Ademais, na pata esquerda ten unha ferida xa cicatrizada e con pouco pelo que está relacionada coa rozadura da corda á cal está atado. Os axentes localizaron e investigaron ao propietario dos cabalos, ao que lle atribúen un delito contra os animais e as dilixencias foron enviadas á área de Medio Ambiente da Fiscalía. Así mesmo, os efectivos actuantes solicitaron a asistencia dun veterinario para atender ao animal das lesións e facerlle un seguimento.
