Renfe suspendeu servizos ferroviarios este xoves con orixe e destino Vigo debido á previsión de condicións meteorolóxicas adversas e o risco de inundacións. Así, non circularán os trens entre Vigo Urzaiz e Santiago, Vigo Guixar e Santiago, Vigo Guixar-Tui nin os Vigo Guixar-Ourense.
Segundo informou Renfe, esta medida tamén afecto aos traxectos de Servizos Comerciais que conectan con Madrid no traxecto Vigo-Santiago e Vigo-Ourense. Así as cousas, explicou que irá actualizando a información aos viaxeiros e facendo seguimento do temporal. Ademais, activou os cambios e anulacións de forma gratuíta, pero non hai posibilidade de medios alternativos.
En concreto, as liñas afectadas que Renfe non prestará desde primeira hora deste xoves son: Vigo Urzaiz – Santiago, Vigo Guixar – Santiago, Vigo Guixar – Tui, así como Vigo Guixar – Ourense. Do mesmo xeito, non circularán no traxecto Vigo-Santiago, e sen posibilidade de transporte alternativo, os servizos comerciais que conectan con Madrid. Estes trens terán orixe e destino a capital galega. Pola súa banda, o servizo transversal Vigo Guixar-Barcelona Sants prestarase desde Ourense.
O BNG REPROCHA A FALTA DE ALTERNATIVAS
Así as cousas, o deputado de BNG no Congreso, Néstor Rego, reprochou a Renfe que suspenda este xoves os servizos ferroviarios con orixe e destino Vigo sen habilitar transportes alternativos por estrada. Nunha nota de prensa, apuntou que Renfe “recoñeceu que a suspensión se realizaba sen ofrecer medios alternativos”, a pesar, engadiu, “de que as previsións meteorolóxicas adversas estaban anunciadas desde hai días pola AEMET”.
Para o nacionalista, a prudencia ante fenómenos meteorolóxicos adversos “é necesaria”, pero cre que “non é aceptable a improvisación e a falta de previsión”. “Non se pode informar dunha decisión desta magnitude á primeira hora da mañá cando xa había miles de persoas con viaxes programadas, especialmente cando a situación meteorolóxica era coñecida con antelación”, criticou. Así mesmo, denunciou que esta decisión evidencia “unha xestión deficiente” de Renfe e de Adif, así como “unha falta de compromiso do Goberno” coa mobilidade dos galegos.
Por todo iso, Rego reclamou ao Goberno que recoñeza que a información aos usuarios foi “tardía e insuficiente”, ademais de pedir que actúe “con maior previsión e planificación” ante episodios meteorolóxicos deste tipo para activar plans alternativos de transporte por estrada. “O ocorrido en Vigo é unha mostra máis do deixamento cos servizos ferroviarios en Galicia e do trato discriminatorio que sofre o noso país en materia de infraestruturas e servizos públicos”, aseverou o parlamentario do BNG.
A XUNTA PON BUSES
Ante a suspensión indefinida das conexións ferroviarias na xornada deste xoves, a Xunta contactou coa empresa concesionaria desta liña para articular reforzos por estrada neste tramo do eixo atlántico. En concreto, xa se habilitaron reforzos entre A Coruña e Vigo ás 10,00 e ás 11,00 horas, así como no sentido contrario ás 10,45 horas. Tamén se reforzaron os traxectos A Coruña-Vigo ás 13,00 horas, Santiago-Vigo ás 15,15 e ás 16,00 horas, e Vigo-Santiago ás 15,30. Ademais, séguese analizando a situación de cara a realizar máis reforzos fósese necesario.
A directora xeral de Mobilidade, Judit xeral de Mobilidade, Judit Fontenla, criticou que o Goberno central non ofrecese alternativas aos usuarios ante a suspensión das conexións ferroviarias. A directora xeral afirmou ser consciente da complexidade de situacións excepcionais como esta, pero insistiu en que Renfe “non pode deixar aos usuarios sen alternativa e este tipo de cuestións están a deixar de ser excepcionais para ser frecuentes”.
Á marxe desta situación puntual, a Administración autonómica vén reclamando información sobre a situación actual e o mantemento preventivo que se está facendo da rede ferroviaria en Galicia, e se é o idóneo para “adiantarse á acumulación de defectos, evitar a súa deterioración progresiva e manter a calidade do servizo”. “Non se trata só de xestionar unha situación meteorolóxica dada, senón de executar un mantemento preventivo eficaz sobre drenaxes e noiros que permita á rede soportala sen chegar ao colapso do servizo”, aclarou.
