A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, celebrou que a semana que vén asinarase “por fin” o convenio co Concello de Vigo e a Zona Franca para a urbanización do viario principal da antiga Escola de Transmisións e Electricidade da Armada (ETEA), aínda que afeou ao alcalde, Abel Caballero, o “oito meses de atraso”.
Nunha visita á cidade olívica levada a cabo na mañá deste martes, Allegue comprobou o grao de execución das “únicas” obras que agora mesmo se están acometendo na zona, tratándose dun ámbito de titularidade da Xunta que albergará futuros usos como a residencia da terceira idade da Fundación Amancio Ortega (que xestionará o Goberno galego).
Ademais, a conselleira reivindicou que “por fin” a semana que vén poderá asinarse o convenio para a urbanización do viario principal, tras meses de “inacción” do Concello olívico, que aprobou nos últimos días o documento, tras ser enviado pola Xunta en maio do ano pasado. Así, lembrou que ese viario é titularidade do Concello e será urbanizado grazas a financiamento 100% autonómica, con 10,5 millóns de euros.
“Xa foi no verán do 2024 cando tres administracións nos comprometemos á formalización deste convenio: Concello, Zona Franca e Xunta”, subliñou, mediante o cal o Consorcio executaría as obras, Goberno autonómico poría o financiamento e o goberno local facilitaría os terreos. Segundo ela, o convenio foi “acordado e validado” polas tres partes, aprobándoo a Xunta en maio e, “con oito meses de atraso”, agora polo Concello, “descoñecemento o motivo” deste atraso.
“Sen querer entrar en confrontación e en disputas estériles que non serven de nada, o que quero dicir é que o alcalde non pode confundir á cidadanía, aos vigueses e aos veciños de Teis tendo en conta que desde a Xunta levamos xa co convenio aprobado desde hai oito meses. Sen saber o motivo do atraso, felicitamos que por fin se aprobe polo Concello de vigo”, sentenciou.
ABEL CABALLERO
As palabras da conselleira tiveron pronta resposta do alcalde, quen enviou un audio aos medios de comunicación indicando que a Xunta chega “tarde, mal, arrastro e obrigada” á ETEA, insistindo en que a rehabilitación desta zona leva “12 anos de atraso”. Caballero, sen entrar a falar dos oito meses que tardou o Concello en dar o seu visto e prace ao convenio, volveu a insistir en que foi “el mesmo” o que abriu a ETEA. “O que está en estado razoablemente bo da ETEA é do Concello. O da Xunta está todo como unha selva”, dixo, acusando o Executivo galego de “atrasar” a súa rexeneración. “E agora vén a conselleira a falar de atrasos? Eles que levan 12 anos atrasando a rehabilitación da ETEA”, insistiu Caballero.
