InicioSociedadeDe tesouro agochado a capital mundial do Nadal: como Vigo creou a...

De tesouro agochado a capital mundial do Nadal: como Vigo creou a súa propia marca

En apenas dez anos, Vigo construíu unha marca sen monumentos históricos nin iconas clásicos, convertendo a súa iluminación de Nadal nun relato global que mestura turismo, cultura, industria creativa e identidade colectiva, ata situarse na mesma liga simbólica que as grandes capitais europeas.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Hai cidades que teñen un icono. París ten a Torre Eiffel. Nova York, a Estatua da Liberdade. Roma, o Coliseo. Vigo, en cambio, creou algo distinto: unha idea. Un fenómeno. Unha marca propia recoñecible en todo o mundo. Vigo inventou o Nadal do século XXI. Non é só unha frase grandilocuente, é un feito cultural e turístico. En apenas unha década, unha cidade do noroeste da Península pasou de ser “un tesouro agochado” a converterse en sinónimo de Nadal a escala global. Hoxe pronuncias ‘Nadal’ e moitos respostan ‘Vigo’. Dis ‘Vigo’ e pensan en luces, no seu alcalde, en millóns de persoas percorrendo as rúas iluminadas.

A CIDADE QUE BRILLA TODO O ANO, NON SÓ NO NADAL

Pero reducir Vigo a dous meses de luces sería inxusto. Vigo non é só Nadal: é unha cidade que brilla os 365 días do ano. Podes chegar unha mañá calquera e pasear polo monte do Castro, respirar o aire do Atlántico e atoparte cunha das mellores vistas urbanas de Europa: a ría estendida como un espello e, ao fondo, as illas Cíes debuxando o horizonte. No verán, Vigo parece o Caribe. Samil, O Vao, Rodas… praias de area branca e augas transparentes que non teñen nada que envexar a destinos exóticos. As Cíes convértense nun ritual anual para milleiros de persoas. No outono, cando outras cidades baixan o ritmo, Vigo entra noutra liga: comezan as preguntas: ‘Xa acendestes as luces?’ Porque aquí o Nadal non se agarda, anticípase.

“O NADAL É O FENÓMENO TURÍSTICO EMERXENTE MÁIS IMPORTANTE DESTE SÉCULO”

O seu alcalde, Abel Caballero, non ten dúbidas: “O Nadal de Vigo é o fenómeno turístico emerxente máis importante deste século”. “Pronuncias Nadal e respóndenche Vigo. Dis Vigo e contéstanche Nadal”, repetiu o alcalde con orgullo durante o presentación da campaña ‘Vigo: un Nadal de 365 días’ este xoves no stand de Turespaña, en Fitur. Segundo os datos oficiais, Vigo converteuse nunha das cidades con máis visitantes estranxeiros de España. “Xa non hai tempada baixa en Vigo, estamos sempre en tempada alta. Xogamos noutra liga: a de Nova York, París, Londres ou Roma”, asegura. E o impacto é real: “Falamos de centos de millóns de euros, de miles e miles de empregos, de imaxe de marca para a cidade”.

FESTA, CULTURA E MÚSICA: DO MARISQUIÑO AOS CONCERTOS DE CASTRELOS

O Nadal é só a punta do iceberg. Vigo vive unha auténtica revolución cultural. “A Reconquista converteuse na maior romaría urbana de Galicia”, aseverou Caballero. “O Marisquiño é un dos maiores eventos de deporte urbano gratuítos do mundo”, explicou. E Castrelos consolidouse como un auditorio único: “Os concertos de Castrelos son gratis e cunha acústica perfecta”. “Todo o mundo quere vir a Vigo, e cando vén, todo o mundo quere volver”, sostivo o alcalde. A iso sumou “unha das mellores gastronomías do mundo a prezos accesibles”. “Excelencia ao alcance de todas as familias”, defendeu o alcalde. Pero Vigo non é só turismo: é industria, automoción, tecnoloxía, creatividade, innovación. “Fabricamos coches, drons, cultura e futuro desde a excelencia”, concluíu.

UNHA CIDADE QUE SE VIVE OS 365 DÍAS AO ANO

Vigo inventou o Nadal do século XXI. Pero, sobre todo, inventou unha maneira de vivir a cidade. Como dixo Abel Caballero: “Todas as persoas que visitan Vigo teñen un risco: que queiran quedar para sempre”. E quizáis esa sexa a verdadeira luz de Vigo: non a dos bombillos, senón a que queda dentro cando marchas. A que che fai pensar que, tarde ou cedo, tes que volver. Porque Vigo xa non é só un destino, é unha experiencia. Unha cidade que se sente, que se percorre a pé, que se descobre sen présa. Un lugar no que podes pasar unha mañá enteira simplemente paseando: dende o Casco Vello ata o Berbés, collendo o ascensor Halo para atravesar a cidade en vertical e mirar Vigo desde arriba, coma se foses parte dunha película. Vigo é unha cidade que se move cara arriba e cara adiante.

ÚLTIMAS

Comezan obras nos túneles da AP-9 este venres en Candeán con peche dun dos “tubos” por dous días

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable iniciará este venres obras de modernización no...

A UVigo celebrará as eleccións ao reitorado na semana do 4 ao 8 de maio

As eleccións para escoller ao próximo reitor ou reitora da Universidade de Vigo celebraranse...

A concelleira de Seguridade de Vigo, citada como investigada polo accidente mortal do ‘Saltamontes’

O Tribunal de Instancia, na súa sección de Instrución de Vigo, citou a declarar...

Un arrastreiro con base en Vigo localiza o cadáver dun home mentres faenaba en augas da Arxentina

Un arrastreiro con pavillón español e porto base en Vigo localizou o cadáver dun...