InicioSociedadeO persoal de Urxencias do Álvaro Cunqueiro convoca paros diarios polo colapso...

O persoal de Urxencias do Álvaro Cunqueiro convoca paros diarios polo colapso do servizo

Denuncian falta de espazo, sobrecarga asistencial e ausencia de solucións estruturais e anuncian protestas indefinidas de 15 minutos.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Persoal de Urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo anunciou paros diarios de 15 minutos en protesta polo “colapso” e a “situación crítica” que vive o servizo. Nun comunicado enviado aos medios de comunicación, os traballadores denunciaron publicamente a realidade que viven día a día desde hai anos, por “falta de espazo físico” e a “ausencia de solucións estruturais e sobrecarga asistencial continua”.

“O servizo de Urxencias funciona desde hai tempo en condicións claramente insuficientes. O proxecto de ampliación do servizo leva anos paralizado, sen avances reais, mentres a demanda asistencial non deixa de aumentar. Non existe espazo físico suficiente para atender aos pacientes con seguridade e dignidade”, apuntan.

Ademais, nestes momentos, indican, está a rexistrarse a época de pico da gripe, “cun elevado número de pacientes que requiren ingreso hospitalario”. Con todo, debido á falta de camas dispoñibles no hospital, “moitos destes pacientes permanecen varios días no Servizo de Urxencias, a pesar de estar xa indicados para ingreso en planta”.

“Esta situación provoca que o persoal de Urxencias teña que atender simultaneamente aos novos pacientes que acoden por urxencias e a pacientes que xa son ingresos hospitalarios, pero que continúan ocupando espazos en Urxencias pola imposibilidade de traslado a planta. Esta sobrecarga asistencial engadida incrementa de forma notable o colapso do servizo e dificulta gravemente a atención axeitada a todos os pacientes”, critican.

“SITUACIÓN INSOSTEIBLE”

Ante esta situación, segundo explica o persoal de Urxencias, a resposta do Servizo Galego de Saúde (Sergas) foi incrementar o persoal mediante contratacións por medidas extraordinarias, “o que na práctica se traduce en dobrar quendas de maneira continuada, á conta dos nosos descansos, conciliación e saúde”.

“Así mesmo, en numerosas ocasións incorpóranse profesionais sen experiencia previa no Servizo de Urxencias, sen a formación nin a rodaxe necesarios para unha contorna tan complexa, o que incrementa a presión sobre o resto do equipo e pode comprometer a seguridade asistencial”, lamentan. Por todo iso, a partir deste mércores anunciaron paros diarios entre as 17.00 e as 17.15 horas como medida de protesta, que se manterá de forma indefinida “ata que se adopten medidas reais e efectivas”. Iso si, engaden, “en todo momento garantirase a atención ás urxencias vitais”.

“Os profesionais sanitarios estamos comprometidos cos nosos pacientes, pero non podemos seguir sostendo un sistema baseado no sacrificio persoal, a improvisación constante e a deterioración progresiva da saúde dos traballadores. A falta de espazo e de planificación é un problema estrutural coñecido desde hai anos e non resolto”, reivindicaron, pedindo a reactivación inmediata do proxecto de ampliación do servizo de Urxencias. “Urxencias non pode seguir funcionando ao límite. A situación é insostible”, sentenciaron.

ÚLTIMAS

Sancionados varios locais de lecer nocturno en Vigo por drogas e permitir fumar

Un dispositivo conxunto formado pola Policía Nacional, a Policía Local e a Inspección de...

O BNG de Vigo pide explicacións sobre o correo que desautorizou o Saltamontes

O grupo municipal do BNG de Vigo esixiu este venres ao goberno local que...

A acusación do accidente do Saltamontes critica que os investigados “bótanse as culpas”

Unha das acusacións personadas na causa polo accidente mortal da atracción Saltamontes, ocorrido en...

O Val Miñor érguese novamente en contra da construcción de catro parques eólicos na Groba

Colectivos culturais e medioambientais que traballan na defensa da Serra da Groba presentaron alegacións...