InicioEconomíaA empresa nigranesa Alén Space completa o desenvolvemento do satélite ETRISat para...

A empresa nigranesa Alén Space completa o desenvolvemento do satélite ETRISat para o instituto surcoreano ETRI

PUBLICADO O

- Advertisement -

A empresa galega Alén Space, con sede en Nigrán, especializada no deseño, fabricación e operación de pequenos satélites, vén de finalizar a construción do satélite ETRISat, un CubeSat 6U desenvolvido integramente nas súas instalacións de Nigrán para o Electronics and Telecommunications Research Institute (ETRI), unha das principais institucións públicas de investigación tecnolóxica de Corea do Sur.

O satélite xa foi entregado a ETRI e atópase en Corea do Sur á espera do seu lanzamento a bordo dun foguete Nuri (KSLV-II) do Korea Aerospace Research Institute (KARI). O despegue está previsto nos próximos días desde o Centro Espacial Naro, situado na provincia de Jeolla do Sur.

Obxectivos da misión

O propósito principal de ETRISat é a demostración en órbita de tecnoloxías de comunicacións, en liña coas iniciativas de ETRI para a evolución das redes satelitais e marítimas. Un dos retos será verificar o envío de sinais desde boias oceánicas equipadas para recoller datos ambientais, como a temperatura da auga ou a altura das ondas, transmitindo esa información en tempo real a estacións terrestres.

O satélite integra como carga útil a radio definida por software TREVO, desenvolvida por Alén Space, sobre a que se executarán dúas aplicacións: unha de ETRI, centrada en validar solucións avanzadas de comunicacións, e outra de Alén Space, destinada á transmisión de sinais AIS (Automatic Identification System) para a xestión do tráfico marítimo.

Un proxecto chave en man

Alén Space levou a cabo ETRISat como unha misión completa, que abrangue desde o deseño e integración ata as probas, o software de control de misión e as operacións iniciais en órbita. A experiencia acumulada en misións anteriores permitiu acelerar os prazos de construción e adaptarse aos requisitos específicos de ETRI.

Colaboración internacional

Segundo destacou Guillermo Lamelas, CEO de Alén Space, esta colaboración reforza o posicionamento internacional da compañía como socio tecnolóxico fiable en proxectos innovadores e complexos. Corea do Sur, que en 2024 creou a súa propia Administración Aeroespacial (KASA), busca consolidarse como unha das principais potencias espaciais, e o lanzamento de ETRISat forma parte desa estratexia.

No voo compartido do foguete Nuri, ETRISat viaxará xunto con outros 12 satélites, marcando un novo fito para Alén Space e para a cooperación tecnolóxica entre Galicia e Corea do Sur.

ÚLTIMAS

Flor Baena reclama ao Concello de Vigo unha homenaxe oficial ao seu irmán Xosé Humberto

Flor Baena, irmá do vigués Xosé Humberto Baena Alonso, reclamou ao Concello de Vigo...

A viguesa Vanessa Glemsel compite este sábado polo Premio Nacional de Poesía Viva

A poeta viguesa Vanessa Ferreira Rodríguez, coñecida artisticamente como Vanessa Glemsel, participará este sábado na...

As familias do EEI Vila Laura saen á rúa para esixir á Xunta unha profesora de apoio

Nais e pais, docentes e alumnos do EEI Vila Laura de Vigo saíron este...

A Fiscalía pide ano e medio de prisión para un home acusado de acosar con insultos homófobos a un traballador en Vigo

Un home de 39 anos enfróntase a unha petición fiscal de ano e medio...