InicioCulturaA UVigo celebra a vida e obra de Saramago 20 anos despois...

A UVigo celebra a vida e obra de Saramago 20 anos despois do seu Premio Nobel

PUBLICADO O

- Advertisement -

Abordar, desde unha óptica multidisciplinar, a figura e a obra de José Saramago é o propósito central das terceiras Xornadas Internacionais que, desde este luns, promove na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra a Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo.

Coa conmemoración, neste 2018, do 20 aniversario da concesión do Premio Nobel ao escritor portugués, como eixo, as xornadas que se desenvolven ata este mércores 5 reúnen na Casa das Campás a especialistas de diferentes áreas e países co propósito de afondar, desde diferentes ámbitos, como sinalou o director da cátedra, o profesor Burghard Baltrusch, na figura dun escritor que deixou como legado un “proxecto de intervención cultural, social e política de reflexión”.

“O que é transversal en Saramago e o político, é un elemento que une todos os outros en varias dimensións”, salientou Baltrusch na apertura dunhas xornadas que engloban así mesmo a presentación, o mércores 5, dun catálogo bibliográfico e que reúne tanto a totalidade da obra literaria do escritor, como entrevistas, adaptación cinematográficas e teatrais ou documentos audiovisuais, para sumar preto de 1400 entradas vinculadas á obra do escritor portugués.

Aínda en construción, mais xa aberta ao público, esta base de datos é unha das iniciativas impulsadas pola Cátedra Internacional José Saramago, que a Universidade de Vigo impulsou en 2015 ao abeiro dun protocolo de cooperación coa Fundación José Saramago e sobre cuxa actividade Baltrusch fixo balance na presentación destas xornadas, que se desenvolven por segundo ano consecutivo no campus pontevedrés.

O xornalista do Jornal de Letras, Artes e Ideias Luís Ricardo Duarte foi o encargado de impartir a primeira das conferencias. Destas xornadas, centrada na “construción do Saramago político” a partires da análise das súas primeiras novelas.

Concretamente, Duarte afondou en Terra de Pecado, un libro de 1947, “que ninguén diría que é de Saramago”, xa que, por exemplo, presenta personaxes “da alta sociedade” en lugar dos “obreiros, as persoas que loitan por unha vida, as persoas que se opoñen á ditadura portuguesa”, presentes en textos posteriores.

A partires desta obra, de Manual de pintura e caligrafía e da novela póstuma Claraboia, datada de 1953, Duarte tratou de afondar na evolución literaria e política do autor portugués, abordando así a que é “case a prehistoria de Saramago”, os máis de 30 anos que abranguen desde Terra de Pecado a públicación, en 1980, de Levantado do chan, obra que define “un forte cambio” na traxectoria literaria dun “escritor humanista, que elixe os seus personaxes, que elixe a quen quere defender a través da literatura”.

As xornadas, explicou Baltrusch, analizan tamén a obra de Saramago desde a óptica feminista, a través da comunicación sobre a construción das personaxes femininas nas súas obras, a comparación con outros escritores como Camoes, Pessoa ou Raul Brandao, ou a relación da súa obra literaria co cinema.

Así mesmo, as xornadas contan tamén coa colaboración da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e que este martes acollerá a reflexión que, baixo a coordinación dos profesores Enrique Varela e Celso Cancela, un grupo de estudantes do grao en Dirección e Xestión Pública, realizou do libro A balsa de pedra, poñendo en relación á obra “coa actual situación do estado autonómico español”.

As xornadas complétanse coa exposición, na propia Casa das Campás de cinco animacións realizadas polo alumnado do máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual tomando como punto de partida a passarola, maquinaria ideada por Saramago no libro Memorial do convento, nunha actividade coordinada polos docentes José Chavete e Sol Alonso e que se completa á súa vez coa presentación dunha serie de bocexos e figuras saídas do proceso de elaboración dunha curta de animación stop-motion que ao longo do presente curso realizarán once estudantes deste mestrado a partires do conto Desquite do autor portugués.

Estas xornadas internacionais compleméntanse así mesmo, este xoves ás 19.00 horas, coa performance Do poleiro a sombra, do grupo Electroplasma, integrado polo poeta e performer vigués Xurxo Nóvoa e o músico portugués Alexandre Soares, un dos fundadores do grupo de rock luso GNR, que ofrecerán no campus unha actuación que combinará poesía, música e performance tomando como punto de partida a obra de Saramago.

ÚLTIMAS

Nova polémica no Pleno de Vigo tras aprobarse un novo programa de vivendas para familias vulnerables

A Xerencia de Urbanismo de Vigo aprobou este martes unha iniciativa para pór en...

Caballero atribúe a subida do recibo de lixo á “estafa” de Sogama: “Rueda débese crer que en Vigo somos parvos”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, censurou a "caradura política" do PP por pedir...

Zona Franca e UVigo asinan o novo convenio para a Cátedra Ardán, que incrementa o orzamento ata 960.000 euros

O delegado da Zona Franca, David Regades, e o reitor da Universidade de Vigo,...

Enfróntase a 3 anos de cárcere por posesión e distribución de pornografía infantil en WhatsApp

Un veciño de Vigo sentará este mércores no banco dos acusados do xulgado do...