Unha quincena de colectores arderon na madrugada deste venres no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valladares, en Vigo, segundo informa o 112 Galicia. Os feitos ocorreron na zona do Viario C do devandito polígono e foron varios os particulares os que alertaron sobre as 02.00 horas de que escoitaran varias explosións na zona e observaban lume.
De inmediato, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias deu aviso aos bombeiros, á Policía Nacional e á Local, que se desprazaron ao momento, confirmando que ardían varios colectores. Finalmente, os equipos de extinción indicaron que en total arderon ata 15 colectores por completo.