InicioMedio Ambiente e PatrimonioO botulismo, causante da parálise en gaivotas segundo un estudo internacional, con...

O botulismo, causante da parálise en gaivotas segundo un estudo internacional, con participación do IEO de Vigo

PUBLICADO O

- Advertisement -

n equipo científico internacional, con participación do Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC), identificou o botulismo como a causa máis probable da síndrome parético, unha enfermidade que provoca parálise severa en aves acuáticas, especialmente gaivotas.

O traballo, publicado en dous artigos na revista Toxins, levouse a cabo en colaboración co centro de recuperación de fauna RIAS (Wildlife Rehabilitation and Research Center of Ria Formosa), o Instituto de Investigación en Recursos Cinexéticos (IREC), o Centre for Environment Fisheries and Aquaculture Science (Cefas), o Instituto de Diagnóstico Ambiental e Estudos da auga (IDAEA-CSIC), o Scientific and Production Center of Microbiology and Virology de Kazakhstan e o Institut Pasteur da Universidade de París.

Durante a investigación analizáronse 571 mostras procedentes de 377 aves, tanto sas como con síntomas de parálises, tomadas na costa sur de Portugal. Os resultados mostran que o 100 % das 22 aves enfermas analizadas deron positivo en neurotoxina botulínica, mentres que ningunha das aves asintomáticas presentaba esta toxina.

A síndrome parético maniféstase con síntomas como parálises flácida das extremidades, dificultade respiratoria (disnea) e diarrea, impedindo que as aves poidan alimentarse, nadar ou escapar de depredadores. O centro RIAS atende cada ano a esgalla de aves con este cadro clínico, logrando a recuperación de máis da metade, aínda que ata agora descoñecíase a súa orixe.

O botulismo aviario é unha intoxicación provocada pola toxina producida pola bacteria Clostridium botulinum, que prolifera en ambientes acuáticos con altas temperaturas e exceso de materia orgánica. As aves adoitan intoxicarse ao consumir larvas de mosca que se desenvolven en cadáveres en descomposición contaminados pola toxina que produce a bacteria, aínda que no caso concreto das gaivotas non está claro cal é a vía de exposición á toxina.

A detección temperá de brotes de botulismo e a adopción de medidas rápidas, como a retirada de cadáveres ou o control da calidade da auga, son fundamentais para previr episodios de mortalidade masiva e protexer a biodiversidade”, sinalou María Vitoria Mena, directora clínica e investigadora do centro de recuperación de fauna RIAS.

“Este estudo é un claro exemplo do valor da investigación multidisciplinar e da colaboración entre institucións científicas e centros de recuperación, que permite identificar e abordar problemas ambientais complexos usando ás aves como especies sentinela”, concluíu Lucía Soliño, primeira autora dunha das publicacións e investigadora do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO.

ÚLTIMAS

Detido o cuarto integrante do grupo que asaltou e golpeou a un nonaxenario en Coruxo

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo-Redondela detiveron a un home, cuarto integrante...

A Audiencia desestima o recurso dos comuneiros de Cabral pola propiedade dunha vivenda

A sección sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, desestimou un...

O PSOE de Vigo rexeita debater o cesamento da concelleira de Seguridade pola causa do ‘Saltamontes’

O PSOE de Vigo rexeitou este luns debater no pleno municipal dúas mocións de...

A borrasca Josep provoca a suspensión do transporte de ría en Vigo

As malas condicións meteorolóxicas levaron a suspender o transporte de ría en Vigo, onde...