InicioMovementos SociaisUnha concentración ante a sede do PP en Vigo critica que botaran...

Unha concentración ante a sede do PP en Vigo critica que botaran atrás a auditoría ao Hospital Povisa

PUBLICADO O

Un grupo de traballadores de Povisa e delegados sindicais da CIG concentráronse este xoves diante da sede do PP en Vigo, na rúa do Príncipe, para denunciar o voto en contra desta formación á proposta presentada no Parlamento galego para que se auditasen as contas da empresa, se blindasen os postos de traballo e as condicións laborais e se aumentase o cadro de persoal.

A protesta fai parte do calendario de mobilizacións deseñado polo comité do hospital vigués para reclamar unha solución ao preconcurso de acredores presentado pola dirección de Povisa.

Máis de medio cento de persoas, entre elas o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, participaron na concentración convocada polo comité de Povisa para denunciar a actitude que a formación conservadora ten con respecto ao preconcurso de acredores.

Concentración por unha solución para os traballadores de POVISA/ CIG

“Xunta, PP, a mesma merda é”, “PP culpábel, Povisa responsábel”, “O PP precariza o traballo en Povisa” ou “Onde están, que non se ven, os señoritos do PP” foron as consignas que máis se escoitaron durante a hora e media que durou a protesta.

A voceira do comité, María Xesús Neira, criticou que o PP “está a impedir que o cadro de persoal de Povisa teña unhas condicións de traballo dignas e que os pacientes e usuarios/as poidan contar cunha atención da mesma calidade que a dos hospitais públicos”.

Tamén explicou que con estas mobilizacións pretenden reclamar unha solución ao preconcurso presentado por Povisa que remate coa incerteza que viven os empregados.

Ademais, lembrou que cando a representación do persoal preguntou como ía repercutir esta situación nas condicións laborais “a nosa sorpresa foi que con toda claridade nos adiantaron que non ía haber subida salarial e que non se ían sentar a negociar un convenio colectivo que leva oito anos caducado”.

Concentración por unha solución para os traballadores de POVISA/ CIG

O argumento esgrimido pola empresa é que o acordo que está a negociar co Sergas “mantería as contas a cero, sen beneficios e sen perdas, algo que obviamente nós non nos cremos”.

Diante disto, os traballadores non están dispostos a manter o convenio conxelado até 2024 e reiteran, como así o manifestaron nas reunións, que no acordo final teñen que quedar recollidas as condicións laborais e salariais.

Isto suporía negociar o convenio, actualizar os soldos e que as persoas ás que se lles reduciu a xornada a 35 horas mensuais volvan ás 40. “En definitiva, o que pedimos é estabilidade laboral e a contratación de máis persoal, porque o actual número de empregados é insuficiente para atender as 139.000 cartillas”.

ÚLTIMAS

Denuncian vertidos fecais nos mananciais da traída de Mos dende a Cidade Deportiva do Celta

A organización Ecoloxistas en Acción denunciou ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil a existencia dun...

Galicia pasa unha noite cun teito de auroas boreais pola influencia dunha intensa tormenta solar

As autoridades estadounidenses advertiran o venres pola tarde sobre a chegada dunha gran tormenta...

Retiran dúas toneladas de lixo dos fondos mariños de Bouzas

Un total de 44 persoas, entre mergulladores e persoal de apoio, participaron nunha nova iniciativa...

Xulgan aos oito integrantes dunha banda que roubaba coches de alta gama para vendelos por pezas

A Audiencia Provincial de Pontevedra celebrará o vindeiro martes, día 14, na súa sede...