Miles de persoas manifestáronse na tarde deste sábado en diferentes puntos de Galicia para reclamar a igualdade real entre homes e mulleres e o fin das violencias machistas, nunha xornada do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, na que a choiva acompañou as marchas reivindicativas.
En Vigo, unhas mil persoas participaron na manifestación convocada pola plataforma Resposta Feminista, que aglutina a mulleres individuais e a entidades como organizacións ecoloxistas, secretarías da muller de CC.OO. e CIG, colectivos LGTBI e outras asociacións feministas. Ademais, participaron membros de EU, Sumar, BNG ou do equipo de fútbol feminino Sárdoma C.F., que critica que o Concello lles reducise a subvención ao deixar de consideralas equipo de elite, mentres os seus homólogos masculinos reciben unha axuda moito maior.
Baixo unha intensa choiva, a marcha saíu da Praza de España, encabezada por unha pancarta co lema ‘O feminismo cambia a historia, sen loita non hai futuro’, e acompañando o paso con cánticos e consignas como “non é a minisaia, non é o pantalón, na mente do machista está a provocación”, “non estamos todas, faltan as asasinadas” ou “por moito que se molle, o feminismo non encolle”. Ademais de Vigo, celebráronse marchas reivindicativas en Santiago (coa presenza da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro), e nas principais cidades galegas.
Tras o percorrido, e antes da lectura do manifesto, a organización lamentou as trabas do Concello de Vigo, por impedirlles o uso de palco e megafonía. No manifesto, Resposta Feminista advertiu de que o 8M non é unha data de celebración senón “un día de loita” e fixo fincapé no “papel transformador” do feminismo ao longo da historia. Con todo, advertiu, “é imprescindible continuar na loita” por cuestións como a persistencia da fenda salarial ou a precariedade laboral das mulleres, que se traduce en vulnerabilidade fronte á violencia machista.
Igualmente, denunciaron a realidade das mulleres migrantes, que sofren violencia por ser mulleres, traballadoras e estranxeiras, e se ven obrigadas a aceptar traballos precarizados e infraremunerados. Con respecto á violencia machista, insistiron en que “o feminismo conseguiu que a vergoña cambiase de bando, pero a resposta institucional segue sendo insuficiente, cando non directamente revictimizante”. Nese contexto, tamén arremeteron contra a prostitución ou a “opresión estética” que mercantiliza o corpo das mulleres, e alertaron da necesidade de abordar a saúde mental e o fomento da autoestima con perspectiva de xénero, e de loitar pola coeducación e a educación sexual integral nun sistema público de calidade.
Tras censurar a privatización dos recursos destinados ás mulleres, tiveron un recordo para as mulleres e nenas en territorios ocupados e afectadas por conflitos bélicos. Finalmente, denunciaron a expansión da ultradereita, que “desmantela leis e recursos conquistados tras décadas de loita”. “Hai quen di que a loita feminista xa non é necesaria, que mesmo fomos demasiado lonxe. Pero sabemos que sen a nosa loita o que realmente está lonxe é o final dos feminicidios, da violencia e da explotación, da fenda salarial, da discriminación, a revictimización ou a violencia vicaria”, proclamaron, e engadiron: “Hoxe o feminismo é un dos principais bastións contra o fascismo e os seus discursos de odio”.
CENTOS DE PERSOAS REIVINDICAN SALARIOS DIGNOS PARA AS MULLERES
Centos de persoas manifestáronse en diferentes localidades de Galicia este sábado ao mediodía, convocadas polo sindicato CIG, para reivindicar igualdade e salarios dignos para as mulleres no ámbito laboral. Na cidade olívica, a marcha partiu desde o cruzamento da Dobrada e percorreu a rúa Urzáiz para finalizar ante o museo Marco. Nela participou a secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, que subliñou que, “despois de todos estes anos de loita, as mulleres seguen padecendo discriminación laboral, máis parcialidade e temporalidade no traballo, acoso e salarios máis baixos”.
Segundo sinalou, as últimas reformas laborais “inciden aínda máis na fenda de xénero”, sobre todo no que respecta ás pensións, onde se alcanzou a “insoportable” diferenza do 33,6 %. “Por iso, para nós o 8M ten que seguir sendo un día de loita para avanzar nos nosos dereitos”, proclamou. Ao final da manifestación, deuse lectura a un manifesto no que se denunciou que a igualdade “aínda está lonxe” e no que se lembrou a todas as mulleres de clases populares “que a historia patriarcal esqueceu” e que hoxe “son un referente de autoorganización e de loita”.
Tras lamentar que as denuncias de Rosalía de Castro, cando falaba das “penurias” padecidas polas mulleres, seguen “plenamente vixentes” subliñaron que este 8 de marzo hai que denunciar, unha vez máis, “as violencias e discriminacións” que se exercen sobre a poboación feminina. Nese sentido, desde a CIG referíronse, como exemplo desa desigualdade, ao que ocorre cos coidados e coa mercantilización dos servizos sociais e a sanidade. Igualmente, lembraron que o traballo feminino é sinónimo de precariedade, parcialidade, temporalidade e baixos salarios.
“TRABALLAR SEN SER ACOSADAS OU VIOLENTADAS”
Respecto diso, lembraron algunhas das súas demandas, como elevar o SMI a 1.320,04 euros (o 60 % do salario medio en España), ampliar os permisos retribuídos, facilitar a conciliación ou apostar por uns servizos públicos que apoien ás mulleres traballadoras. “Tamén temos dereito a traballar sen ser acosadas ou violentadas, polo que esiximos que se elaboren e cumpran os plans contra o acoso nas empresas, e que a Inspeción estea vixiante e castigue de forma exemplar a violencia contra as mulleres no traballo”, proclamaron, antes de finalizar advertindo de que os avances en dereitos virán “da loita como mulleres e como traballadoras”. Ademais da manifestación de Vigo, a CIG convocou mobilizacións noutra ducia de localidades galegas, entre elas, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Ferrol, Cangas ou Carballo.
CC.OO. E UGT
Pola súa banda, os sindicatos CC.OO. e UGT fixeron público un manifesto con motivo do 8M, baixo o título “Igualdade real, compromiso sindical”, no que reafirman o seu compromiso coa igualdade no ámbito laboral, como “obxectivo prioritario e irrenunciable”. Así mesmo, aínda que valoran “moi positivamente” os “avances lexislativos dos últimos anos”, advertiron de que os datos sobre a situación laboral das mulleres “seguen sendo moi preocupantes”, e “as fendas no mundo do traballo entre mulleres e homes seguen sen avances significativos na súa eliminación”.
No manifesto fan referencia á maior taxa de desemprego feminino, á parcialidade e temporalidade, ou á diferenza de retribucións, ademais do “desequilibrio” na asunción dos coidados familiares e dos labores domésticos. Tamén alertan contras as “dramáticas cifras” da violencia machista e reivindican avances con respecto á educación en igualdade e unha xusta valoración social e económica dos sectores laborais feminizados.
CC.OO. confirmou a súa participación en diversos actos reivindicativos este sábado: a manifestación das 18.30 horas en Vigo (desde Praza de España), a das 19.00 horas en Ourense (saída desde a Subdelegación do Goberno), a marcha das 18.00 horas en Santiago (saída na Praza 8 de Marzo) ou as manifestacións das 20.00 horas en Ferrol (saída da Praza de Amada García), Pontevedra (saída da Praza da Ferrería), A Coruña (saída desde o Obelisco) e Lugo (saída desde a Porta Falsa da muralla).