InicioDeportesO Goberno sobre as sedes do mundial de fútbol: "Desde o principio,...

O Goberno sobre as sedes do mundial de fútbol: “Desde o principio, o CSD tiña moi claro que Vigo debe estar”

O presidente do Consello Superior de Deportes (CSD), José Manuel Rodríguez Uribes, así o manifestou, en declaracións aos medios, durante unha visita, acompañado do alcalde, Abel Caballero, ao estadio municipal Abanca Balaídos

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Goberno central, a través do presidente do Consello Superior de Deportes (CSD), José Manuel Rodríguez Uribes, trasladou a súa aposta por 13 sedes en España para o Mundial de fútbol de 2030 e recalcou que “Vigo debe estar” entre esas sedes.

Así o manifestou, en declaracións aos medios, Rodríguez Uribes, durante unha visita, acompañado do alcalde, Abel Caballero, ao estadio municipal Abanca Balaídos. Segundo afirmou, a cidade olívica representa “como moi poucas” a comuñón entre dous países como España e Portugal, ambas as sedes dese Mundial (xunto con Marrocos) e, ademais desta “razón poderosísima”, ten unha vantaxe sobre outras sedes xa elixidas, e é que está a piques de finalizar a reforma do estadio, mentres outras cidades teñen que construír desde cero.

Tras lembrar que a candidatura de Vigo presentou a posibilidade de chegar a 45.000 espectadores de aforamento (43.000 netos), prometeu que o CSD vai seguir ” falando” tanto coa FIFA como coa Real Federación Española de Fútbol (RFEF), para lograr que España teña 13 sedes e inclúa a Vigo e Valencia.

De feito, sinalou que, nun recente encontro co presidente da RFEF, Rafael Louzán, este mostrou “unha actitude máis favorable”. “Por tanto eu vou tratar de persuadirlle de que temos que estar unidos. Tamén porque Vigo é unha gran cidade”, recalcou, e engadiu que a determinación do CSD e do Goberno “é absoluta” para chegar a esas 13 sedes.

Con todo, matizou que aínda quedan anos para a cita mundialista e, nese tempo, veríase se as 13 sedes poden cumprir os requisitos expostos. “Imos apostar polas 13 sedes e logo veremos se, efectivamente, do trece hai algunha que nalgún momento non chega. Pero bo, iso será froito da propia responsabilidade de cada sede e de cada club”, engadiu.

AXUDA ECONÓMICA E TRANSPARENCIA

No que respecta ao financiamento, Rodríguez Uribes reiterou que o CSD non prevé achegar economicamente para as reformas dos estadios, “para ningún”, pero sinalou que si haberá apoio para cuestións de organización do Mundial, que é “un proxecto de país”, equivalente “a uns Xogos Olímpicos”.

Igualmente, tamén afirmou que debe haber “transparencia” nos criterios de valoración das sedes elixidas por parte da RFEF porque “ao final, non poden ser decisións discrecionales” senón “xustificadas”.

VIGO CUMPRE OS REQUISITOS

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu a defender que a cidade cumpre os requisitos para ser sede do Mundial: está a piques de concluír a reforma do estadio, ten un proxecto para ampliar o aforamento ata 45.000 persoas e non ten problemas de financiamento. Por iso, volveu a reclamar á RFEF que faga públicos os criterios que seguiu para elixir as sedes, e reiterou que non descarta acudir aos tribunais para ter esa información.

Ademais, volveu a criticar que o conselleiro Diego Gago aludise á suposta falta de influencia por parte do goberno local vigués para lograr ser sede. “Esperemos a ver que é o que decide a RFEF (…), o certo é que o seu presidente cada vez di unha cousa distinta para xustificar que non sexamos sede”, subliñou o rexedor, que engadiu, tras as declaracións de Uribes: “Parece que a Federación comeza a titubear con respecto á súa decisión inicial. Eu quero dar un tempo. Tomaremos as decisións políticas cando chegue o momento (…), que o pense un pouquiño Louzán”.

ÚLTIMAS

Polo menos un detido nun operativo policial con rexistros en Vigo e Cangas vinculados a un suposto secuestro

Axentes da Garda Civil detiveron a unha persoa nun operativo desenvolvido nas últimas horas, coordinado polo xulgado...

“O feminismo muda a historia’, lema da mobilización de Resposta Feminista para este 8M en Vigo

A plataforma Resposta Feminista presentou este xoves en Vigo a mobilización que levarán a cabo...

Aprobada ampliación da A-52 en túnel nunha tensa sesión entre pitos e berros de veciños de Bembrive

O pleno de Vigo aprobou este xoves, só cos votos a favor do PSOE...

O PSOE pediu en 2018 a supresión da peaxe entre Vigo e O Porriño, que agora rexeita, e o PP afea a súa “hipocrisía”

O goberno municicipal de Vigo presentou en 2018 unha moción ao pleno, que foi aprobada por...