O concerto de Fillas de Cassandra (venres ás 22,00 horas) e o desfile de comparsas polo centro da cidade (sábado a partir das 18,00 horas) serán os actos centrais do Entroido 2025 en Vigo, que conta con programa de actividades nos que non falta a música, a animación de rúa e os concursos.
O alcalde da cidade, Abel Caballero, presentou este martes a programación, acompañado polo responsables da Federación de Peñas A Oliveira e da Agrupación de Centros Culturais e Deportivos de Vigo, e pola concelleira de Festas, Patricia Rodríguez Calviño. Os actos comezarán este venres con animación de rúa, a ‘entronización’ do Meco (20,30 horas) e o concerto de Fillas de Cassandra en Pórtaa do Sol. O sábado, ademais da animación de rúa, sairá o desfile de 23 comparsas desde o nó de Isaac Peral ata a Porta do Sol; e o domingo volverá a animación de rúa pola mañá e pola tarde, e chocolatada ás 17,00 horas en Porta do Sol.
O luns celebraranse talleres infantís de máscaras e maquillaxe na Porta do Sol (e en caso de choiva, no auditorio municipal do Concello) e haberá animación de rúa, mentres que a Porta do Sol acollerá a actuación da orquestra Grupo América ás 22,00 horas; xa o martes será a quenda do concurso de disfraces e a queima do Meco.
A programación finalizará o mércores, coa exequias fúnebres (18,00 horas) e o desfile e acompañamento da comitiva polas rúas Policarpo Sanz, Urzáiz e Príncipe. O alcalde, Abel Caballero, advertiu de que ninguén debe irse de vacacións fóra da cidade nestas datas porque será unha celebración “absolutamente excepcional”. “Están Tenerife, Cádiz e Río de Janeiro, e agora Vigo colócase por diante destas tres cidades. Que se prepare Río de Janeiro, que lles imos a gañar por goleada”, proclamou.