Sindicatos de Stellantis esperan poder sentar a negociar coa dirección do grupo automobilístico para atopar unha “solución” á suspensión da paga de beneficios: “A pelota queda no tellado da empresa”.
Así o sinalaron fontes sindicais tras coñecerse este luns a decisión da compañía de suspender de forma “indefinida” o pago de dita remuneración despois de ser condenada a firma polo Xulgado do Social número 2 da cidade olívica por “discriminar” a empregados en situación de incapacidade temporal ao reducirlles esta paga.
En concreto, o secretario xeral de Comisións Obreiras (CC.OO.) en Stellantis, Daniel Costas, reivindicou que a paga “se pelexou” a nivel europeo para incrementar o salario anual dos traballadores, polo que “non é unha boa noticia” que os empregados queden sen ela.
El indicou que o acordo alcanzado (e agora suspendido) entre sindicatos e Stellantis “non era un pacto”, xa que viña redactado de Francia e dicía: “se a queredes (a paga de beneficios), é así; se non a queredes, non é así”.
“Nós xa cando foi a denuncia xa transmitimos que isto podía pasar”, insistiu, explicando que dentro do acordo había unha cláusula que indicaba que se algún dos puntos era denunciado, o acordo podía quedar sen vixencia.
“Hai que sentar e traballar para ver se podemos recuperala. Logo xa queda a pelota no tellado da empresa. Non é unha paga consolidada. Son eles os que teñen que abrir un pouco a man para a paz social, porque afecta moitísimo ao persoal”, sentenciou Costas, que non quixo entrar a valorar se a denuncia “ten razón ou non” porque, ao seu xuízo, “en parte tena, xa que beneficia á clase traballadora”, pero “perder a paga de golpe é un problema serio”.
“LAMENTABLE DECISIÓN”
Desde UGT, Asier Sanz considerou “lamentable” a decisión da CUT de recorrer o acordo ante a xustiza, xa que prevía que isto podía suceder. “Todo Stellantis España vai quedar sen acordo. Xa se sabía que iso podía pasar porque un punto do acordo xa o contemplaba”, lembrou.
Sanz subliñou que o seu sindicato continuará traballando para que os traballadores non queden sen esta paga, pedindo unha reunión coa dirección de Stellantis “canto antes” para solucionar a situación.
Tamén explicou que a pesar de ser recorrido en Stellantis Vigo, ao ser o mesmo acordo para toda España, a suspensión da paga afecta á rede comercial e ao resto de fábricas nacionais (Zaragoza e Madrid).
“CLÁUSULA ABUSIVA”
Vitor Mariño, da CUT, lembrou que o acordo pactado entre a empresa, UGT, CC.OO. e SIT contiña unha “cláusula abusiva” que así o determinou tamén a xustiza (tras a denuncia da CUT).
“É curioso que a empresa e os asinantes, que aquí é unha cuestión mutua, non só culpa da empresa, senón tamén os asinantes, pois decidan suspender a paga cando o propio acordo establece que se algunha cláusula é tocada pola xustiza pois que o acordo poderá reorganizarse. O que di a xustiza é que as maternidades, paternidades e incapacidades temporais de orixe laboral non se teñen en conta a efectos de reducir o computo para o cobro da paga de beneficios e di que tamén hai que ter a mesma consideración para as baixas de orixe común“, destacou.
Mariño dixo que a “columna vertebral” do acordo e o cálculo da paga “non se toca”. Para el, os resultados do grupo en 2024 “non son os esperados”, polo que a paga de beneficios “con ou sen demanda” este ano “ía ser moi difícil”.
“A única maneira de solucionar isto é que o grupo volva ter beneficios obscenos e volva querer facer unha repartición de dividendos”, apostilou, asegurando que empresa e asinantes “están a tratar de argumentar unha situación en base a esta sentenza que era sobrevinda” que era, ao seu xuízo, que os traballadores “xa non ían percibir paga de beneficios”.