InicioSucesosPídenlle 3 anos de cárcere por atropelar a outro en Vigo e...

Pídenlle 3 anos de cárcere por atropelar a outro en Vigo e deixalo en estado vexetativo mentres conducía drogado

O condutor ía baixo os efectos das drogas e sen carné, e a Fiscalía pide que indemnice á vítima en 3 millóns de euros

PUBLICADO O

- Advertisement -

Un condutor de 51 anos enfróntase a 3 anos de cárcere e á perda definitiva do permiso de conducir tras atropelar a un home en Vigo, cando circulaba baixo os efectos das drogas e co carné retirado por perda de puntos, causándolle lesións moi graves, que o deixaron en estado vexetativo. O xuízo por estes feitos celebrarase este xoves na sala do Penal 3 de Vigo.

Os feitos ocorreron na tarde do 8 de febreiro de 2022, na Avenida de Ramón Neto da cidade olívica. O condutor circulaba a case 80 quilómetros por hora nunha zona limitada a 40 km/h e, á altura dun paso de peóns, levou por diante a un peón que cruzaba a calzada nese momento e que non puido evitar o atropelo.

Como consecuencia do impacto, o corpo da vítima, un home de 41 anos nese momento, saíu disparado a uns 36 metros. O condutor deu positivo na proba de drogas para cocaína, anfetaminas, morfina, codeína e THC; ademais, a Policía Local, que interveu tras o accidente, comprobou que condutor non tiña en vigor o carné, por perda de puntos.

O home atropelado sufriu un traumatismo cranioencefálico severo e outras lesións moi graves, de maneira que tivo que ser sometido a varias intervencións. Ademais, tras o accidente diagnosticóuselle un status epiléptico e, ademais dunha traqueotomía, sufriu varias infeccións respiratorias multirresistentes, quedándolle graves secuelas que o deixaron nun estado vexetativo permanente.

GRAN INVALIDEZ

No momento do accidente, a vítima tiña recoñecida unha incapacidade absoluta e permanente, que se agravou a unha situación de gran invalidez, xa que é unha persoa absolutamente dependente, que non se pode comunicar, nin comer, nin camiñar.

Por estes feitos, a Fiscalía considera ao condutor responsable dun delito de condución baixo a influencia das drogas en concurso cun delito de lesións imprudentes, e dun delito contra a seguridade viaria por circular sen carné.

Así, reclama que se lle impoñan 3 anos de prisión e a perda permanente do permiso de conducir. Igualmente, como responsabilidade civil, establece que debe indemnizar conxuntamente coa súa compañía de seguros á vítima en algo máis de 3 millóns de euros, aos que se sumarán os gastos polo uso de elementos técnicos de asistencia que non cubra a Seguridade Social.

ÚLTIMAS

Abel Caballero esixe desculpas a Alfonso Rueda polo atraso do AVE a Porto ata 2039

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cargou contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda,...

25 de Abril: Unha revolución permanente

O 25 de abril de 1974 foi unha revolución decisiva en Portugal, que acabou...

Tres persoas feridas, unha delas de gravidade, nun incendio nun edificio en Vigo

Tres persoas resultaron afectadas, unha delas de gravidade, tras un incendio nun edificio situado...

Detidas tres mulleres dunha mesma familia en Vigo por explotar sexualmente a mulleres estranxeiras

Axentes da Policía Nacional detiveron en Vigo a tres mulleres da mesma familia como...