InicioMedio Ambiente e PatrimonioOs expertos analizan as posibilidades do futuro Anel Verde de Vigo na...

Os expertos analizan as posibilidades do futuro Anel Verde de Vigo na loita contra os lumes

Os incendios, entre o monocultivo, o abandono do monte e o cambio climático, serán cada vez máis perigosos. Así que agora a ciencia analiza a efectividade do futuro Anel Verde, de total importancia para a seguridade dos vigueses.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Asociación Forestal de Galicia e Montes de Vigo celebraron unha xornada a pasada fin de semana en Valadares na que elaboraron unha serie de propostas para a transformación do monte periurbán de Vigo.

A xornada técnica, denominada ‘Redeseñando o monte periurbán: prevención de incendios forestais e bioeconomía’, contou con cinco ponencias que ofreceron puntos a ter en conta para o redeseño dos montes de Vigo e, en particular, para o proxecto do Anel Verde promovido polo Concello de Vigo.

Así, apuntaron que o cambio climático xerará maior número de eventos meteorolóxicos extremos, coma secas, o que repercutirá nun aumento dos incendios de alta intensidade. Ante este escenario, defenden que cómpre deseñar estruturas o máis resistentes posibles ante os incendios forestais.

Alejandro Martínez, presidente da cooperativa do requeixón das Neves / Miguel Núñez.
Alejandro Martínez, presidente da cooperativa do requeixón das Neves, observa os devastadores efectos do lume tras a vaga de incendios que asolou Galicia en outubro de 2017 / Miguel Núñez.

“É preciso identificar os puntos estratéxicos de xestión nos que un cambio importante da estrutura do territorio permitiría reducir de xeito importante o risco de avance dun incendio en grandes áreas forestais”, sinalou o director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra (Uvigo), Juan Picos.

En calquera caso, segundo os expertos “a estrutura da paisaxe en mosaico é a preferible, entrecruzando masas arboradas de diferentes especies e idades con espazos abertos”.

Pola súa banda, o investigador José María Fernández (Centro de Investigación Forestal de Lourizán) incidiu en que é a hora de crear faixas de defensa das vivendas e núcleos: “En caso de reducir en exceso a densidade do arborado, auméntase a velocidade do vento e redúcese a humidade. Canto máis aberta sexa a masa, maior será tamén a recuperación da matogueira. Aínda que sempre debe terse en conta que non é posible eliminar totalmente o risco de que o lume atravese as faixas de protección a través da matogueira seca”.

Momento da ponencia/ AFG

O Concello de Vigo, segundo o explicado polo enxeñeiro municipal Álvaro Crespo nas xornadas, ten previsto circunvalar Vigo cun Anel Verde con anchuras de 100 metros. Esa infraestrutura, que se ubicará en propiedades particulares e comunais, eliminará o arborado actual e a matogueira e repoboarase con frondosas diversas a moi baixa densidade.

Este deseño foi matizado polo director técnico da Asociación Forestal de Galicia (AFG), Xosé Covelo. Covelo propuxo na xornada que a transformación do monte periurbán se apoie nas masas de frondosas caducifolias xa consolidadas, sobre todo naquelas que transcorren por valgadas, nas que se mantén unha elevada humidade. Recomendou tamén que se eviten as árbores de xardín e que se instalen frondosas caducifolias autóctonas.

De acordo coas recomendacións dos investigadores, Covelo tamén propuxo que as repoboacións no Anel Verde se acometan con densidades que non sexan moi baixas, o que permitiría que as masas de frondosas pechasen a súa parte aérea canto antes, de xeito que se reduza o desenvolvemento do mato no sotobosque, ao entrarlle menos luz solar. Esa planificación permitiría tamén aumentar a humidade no interior da masa e reducir o vento.

Montes de Coruxo, tralos incendios / Miguel Núñez

O Plan Forestal de Galicia contemplará as especificidades do monte periurbán, segundo avanzou en Vigo o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto.

Existen múltiples posibilidades de aproveitamento biodiverso dos montes, máis alá da produción de madeira, que xera un valor económico importante e numerosos postos de traballo.

Os aproveitamentos silvopastorais con gando, a produción de castaña, mel ou mesmo de resina son algunhas das posibilidades, sendo preciso facer unha avaliación axeitada de cada proxecto que se pretenda desenvolver, segundo indicou na súa ponencia o técnico da AFG Xosé Covelo.

ÚLTIMAS

O acusado de agredir sexualmente a unha familiar menor en Vigo enfróntase a 14 anos de cárcere

A Fiscalía de Vigo solicita 14 anos de prisión para un home acusado dun...

Inspección de Traballo investiga un accidente laboral en Stellantis Vigo no que unha operaria perdeu un pé

A Inspección de Traballo abriu unha investigación para coñecer as circunstancias dun accidente laboral ocorrido...

O adestrador acusado de abusar dunha menor en Vigo alega que as relacións foron consentidas e ela tiña xa 16 anos

O adestrador de fútbol acusado de abusar sexualmente dunha xogadora menor de idade en...

A Xunta di que investiu 375 millóns en Vigo e hai outros 70 “bloqueados” polo goberno local

A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, defendeu este venres que o goberno...